Deputación de Lugo

A Deputación aposta polo rural lugués e as súas características únicas coa IV edición de Son d’aldea

- A Deputada de Economía, Recadación e Facenda presentou estas xornadas dinamizadoras do rural, que se celebrarán os días 5 e 6 de setembro, na parroquia palense de Albá - A cita amosará a vida cotiá nos anos 40, 50 e 60 cun roteiro teatral, que se distribuirá en 7 escenarios. O programa inclúe tamén demostracións en vivo de oficios tradicionais, mostra de produtos autóctonos, conferencias, xogos populares, comidades populares e música

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto; o Alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada; o Presidente da Asociación Cultural e de Veciños O Parzamique, José Mosquera; o director de Metátese Teatro, Alfonso García, e o coordinador da cita, Santiago Conde, presentaron este xoves a 4ª edición das xornadas dinamizadoras da cultura rural Son d’Aldea. A programación, organizada polo colectivo O Parzamique, Arqueixal e o Grupo de Teatro Metátese, coa colaboración de Deputación e Fundación TIC, que acollerá a parroquia palense de Santiago de Albá os días 5 e 6 de setembro, conxuga o pasado, presente e futuro da provincia para reivindicar as posibilidades económicas do rural lugués e facer fronte ó despoboamento demográfico que este sofre.

García Porto destacou que “o organismo provincial aposta polo rural lugués mediante o impulso de actividades deste tipo, promocionando as súas características únicas, o que contribúe a xerar riqueza, ofrecer alternativas laborais e crear e afianzar postos de traballo”. A Deputación reivindica así as iniciativas que supoñen novas oportunidades económicas para o rural ó tempo que brindan unhas xornadas dinámicas a lucenses e visitantes. Nas pasadas convocatorias de Son d’aldea, preto de 500 persoas déronse cita nesta localidade da Comarca da Ulloa, “polo que esta xornada tamén é un destacado elemento para amosar a capacidade de innovación e as vías actuais de crecemento do noso rural”.

Rememorando o esplendor do rural
Son d’aldea está ambientada nas décadas dos 40, 50 e 60, nas que os núcleos de poboación do rural condensaban a maior parte da poboación e da actividade económica de Galicia, lonxe de grandes concentracións e das industrias. Para revivir esta época de esplendor do rural, profesionais da zona farán demostracións en vivo de oficios tradicionais, dando conta da riqueza artesanal: o campo da festa de Albá será escenario dos traballos dun ferreiro, un cunqueiro, un cesteiro, un torneiro e un canteiro. Xunto ós artesáns, no campo da festa, haberá tamén mostras de produtos lácteos; pan e empanadas; viño e licores; derivados do porco ou repostería, entre outros.

Venres didáctico
A alimentación será este ano o eixe da xornada de conferencias, que inaugurarán esta cuarta edición de Son d’aldea, o venres 5 de setembro, entre as 17:00 horas e as 20:00 horas. Xavier Castro, Manuel Tiberio e Xoán Carlos Carreira serán os encargados de debater sobre os “Produtos locais, alimentación e soberanía alimentaria”, nunha mesa redonda organizada pola Universidade de Vigo e o Centro Universitario de Tecnoloxía e Arte Dixital. A xornada didáctica rematará cun documental que abordará cuestións relativas ó funcionamento das granxas  no futuro. Complementan a programación do venres unha sesión de teatro ó aire libre “Chuvia de Historias”; unha cea popular na que se poderán degustar produtos típicos da zona, e unha actuación de fados.

Sábado de volta ás orixes
A xornada de sábado comezará sobre as 10:30 horas cun roteiro teatral que amosará como era a vida cotiá nas aldeas hai décadas. Sete escenarios diferentes acollerán ós participantes, en grupos de 50 persoas, coordinados polos integrantes de Metátese Teatro, colectivo cultural nacido en Palas de Rei hai máis de 20 anos e que aglutina a veciños de todas as idades. O roteiro teatral guiado, cunha duración de preto de 4 horas, escenificará o día a día na cantina; a vida dos caseiros; os traballos na leira; os usos do estraperlo; o reparto da correspondencia; a chegada da luz e a actividade da canteira. Posteriormente, sobre as 14:30 horas, terá lugar un xantar composto por pratos tradicionais e xa pola tarde, o colectivo XOTRAMU organizará diferentes xogos tradicionais para todos os públicos ó tempo que se celebrará unha malla tradicional. Un monólogo; o mercado no que se poñerán á venda produtos autóctonos de tempada, e a actuación da agrupación musical Buxaina pecharán a 4ª edición dunhas xornadas que poñen en valor o rural.

Para participar nas actividades é preciso inscribirse, co obxectivo de garantir a accesibilidade ó roteiro teatral. O prezo anticipado para a xornada de venres é de 10 euros, e 15 euros a partires do 1 de setembro. Para a xornada de sábado, o prezo é de 25 euros, rebaixándose ata os 20 euros para grupos a partir das 25 persoas. Os interesados en participar nesta cita, pódense anotar no blog de Son d’aldea http://sondaldea.wordpress.com/.