Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo, co comercio rural da Mariña

- Lara Méndez destacou que “Lugo é eminentemente rural e apostar polo rural é apostar pola provincia”, tras asinar hoxe un convenio coa asociación A Mariña Federación - A Deputación achega 6.000 euros á agrupación de comerciantes, industriais e autónomos de sete Concellos mariñanos para posta en marcha de iniciativas para a promoción do comercio no rural - A institución provincial mantén diferentes liñas de colaboración cos autónomos e empresarios en prol do fomento do emprendemento e da actividade empresarial na provincia

A Deputación de Lugo asinou hoxe un convenio con A Mariña Federación, asociación que aglutina á maioría de asociación de comerciantes, industriais e autónomos da Costa luguesa, co que a institución provincial achega 6.000 euros para o impulso da actividade deste asociación e que permitirá a posta en marcha de diferentes iniciativas encamiñadas á promoción do comercio no medio rural. O convenio foi asinado pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Presidente da asociación, Ramón Leivas, a sede que A Mariña Federación ten en Ribadeo.

No acto de sinatura, Méndez destacou que “a Deputación ten o convencemento de que o medio rural conta cun gran potencial para xerar riqueza e emprego, e froito deste convencemento estamos decididos a prestar todo o noso apoio a todas as iniciativas que contribúan a dar visibilidade e viabilidade a calquera alternativa de futuro que contribúa a xerar emprego e, polo tanto, fixar poboación naquelas zonas da provincia máis castigadas pola perda demográfica”. “Lugo é eminentemente rural e apostar polo rural é apostar pola provincia”, sentenciou.

Deste xeito, e tal e como destacou Lara Méndez, “este convenio ratifica o feito de que A Mariña Federación e a Deputación de Lugo comparten os mesmos obxectivos”, engadindo que “é fundamental que as administracións e a cidadanía poidan poñer en marcha iniciativas conxuntas coma esta, que contribúan á modernización, dignificación e impulso do traballo no rural”. Pola súa banda, o presidente da federación, Ramón Leivas agradeceu o apoio “incondicional” da Deputación.

Liñas de apoio ó sector
A Mariña Federación naceu a finais de 2013, e aglutina a asociacións de comerciantes dos Concellos do Vicedo; Viveiro; Xove; Burela; Foz; Lourenzá e Ribadeo. Máis de 1.000 membros de asociacións de comerciantes, industriais e autónomos que uniron forzas co obxectivo de poñer en valor o potencial da Comarca, non só dende o punto de vista comercial senón tamén turístico, gastronómico e cultural, entre outros. Este convenio axudou a dar visibilidade a esta nova federación e impulsar a actividade dos establecementos que a integran mediante campañas publicitarias en prensa escrita e radios.

Esta non é a única colaboración que mantén a Deputación de Lugo tanto con autónomos como empresarios de toda a provincia. Así, ten un convenio asinado coa Asociación de Autónomos de Galicia-AUGA, para o fomento do emprendemento e da actividade empresarial na provincia; outro convenio asinado coa Asociación de Mulleres Empresarias da provincia, que permitiu a creación do 1º Banco de Tempo Empresarial de mulleres de Galicia, unha plataforma online de apoio e asesoramento integral que favorece a estratexia empresarial feminina; ou o convenio con Fademur, a Federación de Asociación de Mulleres Rurais de Galicia, que potenciará a incorporación das mulleres do rural ó autoemprego e ás novas tecnoloxías.