Deputación de Lugo

A Deputación reduce nun 51% os custes de telefonía, aforrando 180.000 euros ó ano

- A Xunta de Goberno aprobou unha fórmula pioneira na institución de redución de gastos correntes, unificando a contratación dos servizos de telefonía e Internet - Isto permite, ademais, que a Deputación conte coa mellor rede interadministrativa dunha entidade pública en Galicia, posto que leva Internet a 48 Consistorios e 48 prazas públicas municipais, cunha velocidade de entre 100 e 50 megas - Por 1ª vez e “logo dos recortes dos Gobernos do PP”, o organismo provincial financia o PEIM con 742.000 euros para mellorar camiños municipais nos 67 Concellos en 2014 e 2015

A Xunta de Goberno aprobou estes venres a contratación dos servizos de telefonía e Internet, introducindo unha fórmula pioneira na Deputación para continuar coa redución de gastos correntes, que vén aplicando este Goberno Provincial. O voceiro socialista, Manuel Martínez, explicou que se trata da unificación destes contratatos (telefonía fixa e móbil co de banda longa), acadando dous beneficios: reducir os custes de telefonía nun 51%, aforrando 180.000 euros ó ano; e a mellor rede interadministrativa dunha entidade pública en Galicia.

1º BENEFICIO: Reducir nun 51% os custes de telefonía, aforrando 180.000 euros. “Nos últimos dous anos, rebaixamos nun 37%, é dicir, en 129.300 euros, os gastos de telefonía. Fixémolo reducindo as liñas móbiles ata 78; establecendo cotas límite de consumo de entre 25 e 50 euros; restrinxindo as chamadas saíntes, como as internacionais; estandarizando as tarifas de datos; ou implantando o servizo chamado Voz sobre IP, que permite que as chamadas internas, tanto a fixos como a móbiles corporativos, sexan totalmente gratuítas. Todo isto, logo de avaliar as necesidades da Deputación mediante un exhaustivo estudo, realizado con mecanismos informáticos, que determinou o tipo de servizo telefónico que debe contar cada departamento provincial. Por exemplo, tras estudar as franxas horarias das chamadas, Atención o Cidadá ou Vías e Obras teñen un servizo máis completo, posto que reciben chamadas durante todo o día. Coa unificación dos contratos de telefonía e wifi aprobada hoxe, reducimos os custes noutro 14%, é dicir, noutros 50.000 euros, acadando unha rebaixa do 51% e aforrando 180.000 euros ó ano”, explicou Martínez. 

2º BENEFICIO: Conseguir a mellor rede interadministrativa dunha entidade pública en Galicia “porque centralizamos o servizo de Internet da Deputación, de 48 Casas Consistoriais e de 48 prazas públicas wifi municipais, feito que nos posibilita levar conexión wifi a todos estes espazos públicos, cunha velocidade de navegación de entre 100 e 50 megas, así como chegar a lugares orográficamente complexos”, apuntou o voceiro.

Os 48 Concellos beneficiados desta iniciativa, sumados voluntariamente ó programa tecnolóxica da Deputación, son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.

PEIM
Por primeira vez, “logo dos recortes dos Gobernos do Partido Popular, cando non sabemos que aconteceu co PEIM no 2011 e 2012, a Deputación financia esta programación co fin de salvala e garantir o seu desenvolvemento na provincia este ano e o vindeiro, dentro da nosa aposta pola máxima cooperación cos municipios”, remarcou o voceiro. A Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración con AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería de Medio Rural e do Mar. Mediante este acordo, o organismo provincial achega 742.000 para melloras de camiños de titularidade municipal no 2014 e 2015. Esta cantidade divídise, polo tanto, en dúas anualidades: 350.000 euros este ano e 392.000 o vindeiro. AGADER é que distribuirá o orzamento que reciben os Concellos.

Convenio Ribeira Sacra
A sesión tamén aprobou o convenio entre as Deputacións de Lugo e Ourense e o Valedor do Pobo, que hoxe mesmo asinou o Presidente lugués en Santiago, para o impulso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. En base a esta colaboración, os organismos provinciais achegan un total de 100.000 euros, financiados ó 50%, é dicir, 50.000 euros cada Deputación, para a realización do estudo técnico, que elaborarán expertos de recoñecidos prestixio, que permita a redacción da candidatura da Ribeira Sacra. 

Centro de Recría
Aprobouse a contratación do equipamento das 13 naves do 1º centro público en España de recría de gando vacún, “que estamos a construír en Castro de Rei. Achegamos a adquisición e instalación deste material 321.000 euros, que proceden da partida de 6 millóns de euros que investimos, en solitario, na derradeira fase de construción do centro, que estará listo no 2015. Este material son cubículos, básculas ou boxes colectivos....”, salientou Martínez.