Deputación de Lugo

A TIC entrega os vídeos realizados polo alumnado da EIS aos participantes no Comercio na rúa e na Noite Aberta

-Os DVD  foron gravados e editados polos estudantes da Escola nas prácticas que realizaron durante os eventos organizados en 2014 pola Asociación de Autónomas -Con esta achega, a TIC contribúe á promoción da actividade comercial lucense e ao desenvolvemento do sector

A Fundación TIC, dependente da Deputación, entregará este mércores aos comercios participantes os vídeos editados polos alumnos de Realización e Produción da  Escola de Imaxe e Son (EIS) coas gravacións dos IV e V Comercio na rúa, e a V Noite Aberta, que organizou este ano a Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo. A patroa da Fundación TIC, Regina Polín; o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a presidenta do colectivo empresarial, Nora Real, participarán no acto, que se desenvolverá mañá no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ás 20:30 horas.

O material audiovisual recolle as gravacións realizadas polo alumnado da EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, durante os eventos organizados pola Asociación de Autónomas, o que lles permitiu levar a cabo unha vez máis prácticas profesionais en situacións e escenarios reais.

Durante as dúas edicións do Comercio na rúa, celebradas en marzo e setembro, os estudantes da TIC, baixo a supervisión dos seus docentes, saíron coas cámaras á rúa para filmar o ambiente e a actividade nos establecementos participantes. O pasado día 3 de outubro, repetiron a experiencia durante a V Noite Aberta para gravar o desfile de moda que presentou a cantante Lucía Pérez e dar cobertura aos espectáculos e actuacións musicais nas tendas e nas rúas. Ademais, un dos equipos realizou unha ampla reportaxe fotográfica do evento.

Posteriormente, os alumnos da EIS editaron un vídeo coas gravacións realizadas ao longo das tres xornadas, así como reportaxes que contribuirán á promoción dos establecementos participantes e do comercio lucense en xeral.

A TIC do lado dos autónomos
A Fundación TIC mantén un convenio coa Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo para potenciar as actividades que organiza este colectivo. A colaboración coa organización do Comercio na rúa e a Noite Aberta, que se suma á doutras iniciativas como a Feira Outlet, enmárcase na aposta da TIC en prol da promoción do comercio e dos autónomos da provincia. Na actualidade, A TIC colabora con máis dun cento de asociacións sen ánimo de lucro en apoio á actividade de comerciantes, autónomos e colectivos sociais, culturais e deportivos da provincia.