Deputación de Lugo

350 veciños de Guillar, en Outeiro de Rei, recuperan os retablos barrocos da súa igrexa grazas á Deputación

- Gómez Besteiro supervisou as obras de restauración e conservación do conxunto artístico da igrexa de Guillar, financiadas pola institución con 14.300 euros - O Presidente tamén supervisou a rehabilitación da igrexa de Martul, a cargo da Deputación, e visitou a Asociación Cultural Penas de Rodas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este martes as obras de restauración e conservación do conxunto artístico da igrexa de San Martín de Guillar, no Concello de Outeiro de Rei, que levaba deteriorándose máis de 30 anos polas humidades, e cuxo acondicionamento foi posible grazas á financiación íntegra do organismo provincial.

A institución luguesa fixo unha achega por valor de 14.331 euros para acometer a preservación do retablo maior e dos retablos laterais esquerdo e dereito da igrexa, pinturas barrocas do siglo XVII de gran valor patrimonial. Destas melloras beneficiaranse os máis de 350 veciños da parroquia de Guillar.

Durante a visita, Gómez Besteiro, que estivo acompañado polos veciños, destacou a importancia da colaboración do organismo provincial coas entidades da provincia que realizan actividades de conservación do patrimonio lucense, para “preservar e pór en valor todos os atractivos que ofrece Lugo tanto aos lugueses como aos visitantes”. O Presidente sinalou tamén a relevancia do patrimonio histórico artístico de Outeiro de Rei, “valor que debemos conservar e dar a coñecer, xa que supón un importante factor de reclamo turístico que incide na economía local”, concluíu.

As tarefas de restauración comprenden, entre outras actuacións, desinsectación e tratamento funxicida, policromía e dourados, limpeza e recuperación da madeira e tratamento de protección; ademais da elaboración dunha memoria final que irá acompañada de documentación gráfica.

Compromiso con Outeiro de Rei
Aproveitando a visita ao Concello de Outeiro de Rei, o Presidente tamén supervisou as obras de equipamento, renovación e restauración da tribuna e da sacristía da igrexa románica de Martul, financiadas con preto de 12.000 euros a través do Plan de Comunidades Veciñais da Deputación. Gómez Besteiro tamén visitou a Asociación Cultural Penas de Rodas, que solicitou a colaboración da institución luguesa para diversas actividades do colectivo. Máis de 400 persoas beneficiáronse de actividades culturais que se impartiron grazas aos 2.000 euros que a institución lle concedeu a dita asociación, fundada hai máis de 30 anos, que persegue ensalzar o espazo natural de Penas de Rodas.