Deputación de Lugo

A Deputación coas mulleres da provincia

- O organismo provincial contribúe á celebración o sábado do Mercado das Maulas e o venres do Street Market mediante as colaboracións coas Asociacións de Mulleres Empresarias da Provincia e Autónomas de Lugo, que tamén mantén con Fademur- García Porto instou ó Goberno Central e á Xunta de Galicia a “respaldar o emprendemento feminino” cando as medidas que impuxeron fixeron que a inactividade das mulleres na provincia de Lugo sexa de case o 60%

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, participou este mércores na presentación da Feira das Maulas, que a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia, coa colaboración do organismo provincial, organiza o este sábado, 6 de setembro, na Praza Maior da cidade luguesa. As Maulas era o nome que antigamente empregaban os feirantes para chamar ós últimos productos. Dito colectivo recuperou este término para por en marcha unha feira de comercio, artesanía, gastronomía e outlet. García Porto subliñou que “a Deputación está coas mulleres. Este venres, colaboramos coa Asociación de Autónomas de Lugo na organización dunha nova edición do Street Market, na que participan máis de 70 establecementos. O sábado, facémolo coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia coa Feira das Maulas, coa participación doutras 24 profesionais”

“No momento actual, no que as medidas emprendidas polas principais administracións deste país (Goberno Central e Xunta de Galicia) están a dificultar o papel das mulleres, é fundamental darlles o noso respaldo. A taxa de inactividade feminina é de case o 60% na provincia de Lugo. As mulleres teñen que traballar 82 días máis ó ano que os homes, acumulan a maoría dos contratos temporais, e realizan máis do 80% do traballo non remunerado. A fenda laboral e salarial entre homes e mulleres esixe que o traballo e o emprendemento feminino conten cunha especial protección e que as Administracións non nos quedamos de brazos cruzados”. Por iso, salientou García Porto, a Deputación colabora, ó igual que con Fademur (Federación de Asociación de Mulleres Rurais de Galicia”, con quen mantén un convenio para para potenciar a incorporación das mulleres do rural ó autoemprego e ás novas tecnoloxías, coas Autónomas de Lugo ou coas Mulleres Empresarias da Provincia, contribuíndo á celebración de mencionadas citas este venres e sábado.

Coas Mulleres Empresarias da Provincia, a institución está a desenvolver o 1º “Banco de Tempo de Empresariais de Mulleres” que existe en Galicia. Trátase dunha plataforma online de apoio e asesoramento integral, que se está a realizar dentro dun convenio de colobaración de 60.000 euros, para favorecer a estratexia empresarial feminina co obxectivo último de crear emprego e favorecer a comercialización. Este proxecto favorecerá, ademais, a creación de estratexias que faciliten o emprendemento no rural, “no que as mulleres atopan dificultades engadidas”, e permitirá que a asociación responda ás dúbidas das emprendedoras, “que non atopan axuda, posto que os servizos de asesoramento do INEM ou da Xunta desapareceron por mor dos recortes da dereita”, salientou.