A lexislación contra a violencia de xénero, a debate nas Xornadas Penitenciarias Lucenses que arrincan hoxe no Salón de Actos de San Marcos
O Deputación de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, participou este luns, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, na inauguración das XXVIII Xornadas Penitenciarias Lucenses, que organiza a Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, coa colaboración do organismo provincial. Esta iniciativa reúne durante dos días a prestixiosos especialistas para abordar o panorama lexislativo contra a violencia de xénero.
Álvaro Santos destacou o interese que ofrecen en cada edición estas xornadas, que adoitan reunir a prestixiosos especialistas capaces de poñer sobre a mesa visións sempre interesantes sobre temas de plena actualidade social e sentar as bases para profundas reflexións, polo que quixo felicitar á Asociación Concepción Arenal, á vista do seu esforzo e empeño na súa loita pola igualdade de oportunidades e dereitos.
O acto oficial de inauguración do encontro incluíu a tradicional entrega das medallas Concepción Arenal, trala que tivo lugar unha conferencia a cargo da Maxistrada Xuíza do Xulgado de Violencia de Xénero de Lugo, Estela San José Asensio. Baixo o título 10º Anversario da Lei Orgánica 1/2004, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, a conferencia estivo seguida dun debate-coloquio moderado polo Director de Programas do Centro Penitenciario de Monterroso, Víctor Fraga Gayoso.
As actividades continuarán mañá no Salón de Actos de San Marcos, ás 18:00 horas, coa mesa redonda Perspectivas das profesionais que traballan con vítimas e agresores, moderada por Soraya Yáñez Núñez, Traballadora Social e Criminóloga, e na que tomarán parte Inmaculada Mourín, xurista voluntaria da Asociación Si, hai saída; Yolanda Ferreiro Vázquez, psicóloga do Programa de Intervención con Agresores de Xénero do Centro Penitenciario de Bonxe; Ana Suárez Martínez, psicóloga do Servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas de A Coruña, e Belén López Somoza, psicóloga dos Servizos Sociais do Concello de Monforte de Lemos. Os actos estarán presentados por Marina Cillero Rodríguez, Presidenta da Asociación Penitenciar Concepción Arenal.