Deputación de Lugo

A Deputación pon en marcha unha nova convocatoria dos cursos gratuítos de novas tecnoloxías para maiores do InLugo

- O Presidente anunciou a nova programación organizada pola Fundación TIC no InLugo durante a entrega de diplomas a máis de medio cento dos participantes da anterior convocatoria
- A anécdota da xornada protagonizouna unha das alumnas presentes na entrega, quen fixo unselfie de grupo que logo subíu ás redes sociais, poñendo en práctica o aprendido nos cursos
- O prazo de solicitudes para a nova convocatoria, que ofrece 429 prazas e  máis de 230 horas de formación, ábrese este venres. Máis información sobre datas e horarios e inscricións en www.deputacionlugo.gal ou no 982 225 186. Coma sempre, a matrícula é totalmente gratuíta

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe unha nova convocatoria de cursos e obradoiros gratuítos sobre novas tecnoloxías para maiores. Nesta ocasión, están programadas 20 accións formativas -13 cursos e 7 obradoiros-, que ofrecerán 232 horas de formación, e para as que están dispoñibles 429 prazas. Gómez Besteiro destacou que “imos xa pola terceira convocatoria destes cursos, que ata o de agora permitiron a preto de 500 lucenses veteráns mellorar a súa autonomía; as súas capacidades e a súa comunicación cos familiares, coas amistades e co mundo”.
 
Gómez Besteiro fixo este anuncio no tradicional acto de entrega de diplomas ós participantes na anterior convocatoria, celebrado hoxe nas instalacións do InLugo, na que tomaron parte máis de medio cento de alumnos, e que serviu para intercambiar impresións sobre a posta en práctica no seu día a día do aprendido en novas tecnoloxías. Mostra das habilidades que os maiores participantes adquiriron quedou patente cando unha das alumnas, María, de 61 anos, quixo facer un selfie de grupo durante o acto de entrega de diplomas, que logo ela mesma subíu ás redes sociais, poñendo así en práctica o aprendido durante os cursos.

Tal e como destacou o Presidente “supón unha enorme ledicia recibir as felicitacións que, tanto vós como os participantes en anteriores edicións, nos facedes chegar”, e engadiu que a maioría dos alumnos “cóntannos que o aprendizaxe das novas tecnoloxías grazas a estes cursos é para eles unha segunda mocidade, e nos transmiten a súa emoción polas enormes posibilidades que cada día descobren en Internet e nas redes sociais”

Esta programación, cofinanciada ó 80% por fondos europeos, está organizada pola Fundación TIC no Centro de Innovación Social InLugo, e cumpre co obxectivo de promover o uso as novas tecnoloxías entre lucenses de todas as idades, os maiores da provincia neste caso en particular, os cales teñen manifestado ata o de agora un enorme interese esta formación que lles permite aprender, por exemplo, a empregar as redes sociais, buscar información en Internet e comunicarse con familiares e amigos con facilidade e rapidez.

De feito, en cada unha das edicións celebradas ata o de agora, esta formación ten colleitado un enorme éxito, conseguindo que a totalidade das prazas dispoñibles se esgoten ó pouco tempo de abrir o prazo, e son os propios participantes os que solicitan novas convocatorias nas que se programen cursos para perfeccionar as habilidades aprendidas.

www.deputacionlugo.gal ou no 982 225 186. Coma sempre, a matrícula é totalmente gratuíta.