Deputación de Lugo

Máis de 20 voluntarios en táboas de paddle-surf limpan o Miño ó seu paso pola capital

- Os participantes na iniciativa da Deputación Móllate e Colle3 retiraron residuos plásticos na contorna do Caneiro da Tolda, que posteriormente foron reciclados   - Ó remate fíxose balance do recollido e o experto Óscar García explicou as diferentes tipoloxías de plástico; o tempo que tardan en degradarse e de onde proveñen estes residous - Os participantes nesta gincana aprenderon que o plástico é un dos elementos que máis tarda en biodegradarse e adquiriron novas pautas de reciclaxe e uso deste material

Máis de 20 voluntarios participaron hoxe en Móllate e Colle3, iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo que serviu para acondicionar o río Miño ó seu paso pola cidade e gozar dunha actividade ó aire libre. Durante a xornada, os voluntarios limparon as augas e as marxes do río montados en táboas de paddle-surf, o que serviu para concienciar ós lucenses dos danos que producen os residuos plásticos no medio ambiente ofrecéndolles, ademais, pautas para reciclar e reutilizar este material.

A actividade deu comezo ás 11:00 horas, no Caneiro da Tolda, en Lugo, coa pequena charla que impartiu o experto medioambiental Óscar García sobre os danos que os residuos plásticos producen no medioambiente e que pautas pódense seguir para reducir a cantidade de plásticos que se emprega no día a día. De seguido, os encargados da actividade prepararon diferentes xogos por equipos no río e nas súas marxes cos que os voluntarios, montados nas táboas colaboraron na limpeza das augas fluviais.

Ó remate da xornada fíxose balance do resultado da recollida, e Óscar García explicou as diferentes tipoloxías de plástico; o tempo que tarda cada unha delas en degradarse e cales son as súas orixes. Os participantes gozaron deste xeito dunha xornada lúdica diferente, colaborando nas labores de acondicionamento do río, elemento primordial na riqueza natural da provincia.

A través desta actividade, a Deputación fomenta entre os lucenses o coidado e respecto pola natureza, contribuíndo a reducir notablemente a cantidade de plástico que se atopa nos montes e ríos. A iniciativa deseñouse coma un xogo para que os participantes aprendan dun xeito ameno e incorporen á súa rutina habitual, fomentando a reciclaxe e a recollida de calquera tipo de  residuos.