Deputación de Lugo

A Deputación inviste 53.700 euros no equipamento do auditorio de Chantada

- A Xunta de Goberno aprobou a adquisición e instalación de 266 butacas, un proxector audiovisual e unha pantalla no auditorio, construído con 900.000 euros da Deputación - A construción e o equipamento do auditorio forman parte das actuacións de 5 millóns de euros que o organismo provincial levou a Chantada para liquidar a débeda do canon - A Deputación mellorará ademais o campo de fútbol de Sangoñedo, o centro de día e a Praza de Abastos con 162.500 euros de remanentes do canon

A Xunta de Goberno deste venres aprobou o contrato de adquisición e instalación de mobiliario no auditorio municipal de Chantada. O seu presuposto é de 53.700 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que “levamos tempo traballando neste proceso de contratación que se demorou posto que, unha vez practicamente resolto, a empresa que foi proposta como adxudicataria inicial rexeitou, finalmente, asumir este contrato. Isto obrigou a iniciar unha vez máis o proceso, é dicir, celebrar outra mesa de contratación, valorar unha vez máis as ofertas presentadas, propoñer unha nova adxudicataria e abrir un segundo prazo de entrega da documentación legal e imprescindible para poder adxudicar o contrato. Hoxe liquidamos este proceso, aprobando a compra e instalación de 266 butacas, un proxector audiovisual e unha pantalla de 4x2 metros”.

Este material levarase nas vindeiras semanas ao auditorio de Chantada, unha dotación pública municipal na que a Deputación investiu outros 900.000 euros para a súa construción. Con este orzamento, o organismo provincial cumpriu unha vella demanda dos veciños de Chantada, que non contaban cun espazo con capacidade suficiente para acoller actos con máis de 150 persoas. O auditorio ten capacidade para unhas 400 persoas. Forma parte do complexo deseñado dentro dun plan global de reforma da Praza de Galicia sobre os terreos nos que ata 2009 estivo a casa consistorial.

Tanto a construción do auditorio como a súa dotación, enmárcanse no conxunto de actuacións de 5 millóns de euros, que a Deputación levou a Chantada para liquidar a histórica débeda do canon hidroeléctrico. Outro exemplo, é o acondicionamento de 16 rúas.

Xa con remanentes destes fondos, a institución luguesa fará posible novas melloras nos servizos públicos deste Concello. Deste xeito, xa foron aprobadas polo Pleno Provincial as seguintes obras: mellora do campo de fútbol de Sangoñedo (16.102 euros): mellora do centro de día (138.417 euros); mellora da Praza de Abastos (8.000 euros).