Deputación de Lugo

A Deputación executa as obras na estrada de Seoane ao Pazo de Tor solicitadas polos veciños

- Miguel Ángel Sotuela supervisou as melloras na LU-P 3207 que veciños da zona solicitaron á institución na xuntanza dos Orzamentos Participativos en Monforte de Lemos - O organismo provincial realiza con medios propios do Parque Móbil estas actuacións, que consisten na mellora do firme dun treito de 300 metros con triple de rego asfáltico

O Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela, supervisou este martes as obras de mellora que está a executar o organismo provincial na estrada LU-P 3207 de Seoane ao Pazo de Tor, no Concello de Monforte de Lemos. Trátanse dunhas actuacións que veciños da zona solicitaron á Deputación na xuntanza dos Orzamentos Participativos en Monforte. Deste xeito, con estas obras, a institución responde ás peticións dos cidadáns.

Optimizando recursos e impulsando o público, a Deputación executa con medios propios do Parque Móbil as obras na LU-P 3207. Na zona traballan 8 técnicos provinciais. Tamén se desprazou unha apisoadora, unha pala, un camión de grava e unha bituminadora. Estase a actuar nun treito de 300 metros, nos que se mellora o firme con triple de rego asfáltico. O presuposto destas actuacións é de 20.000 euros.

Estas obras engádense ás xa executadas nesta mesma estrada e para ás que o organismo provincial achegou máis de 200.000 euros. Na zona, a Deputación tamén acondicionou a estrada de Seoane por Cinsa a Pol, con outros 543.000 euros.

Hai que ter en conta que o 12% dos 55.000 veciños que participaron na elaboración dos primeiros presupostos participativos dunha Deputación en España, e que ten a de Lugo no 2015, decantáronse pola área de infraestruturas, polo que as actuacións nas estradas provinciais será unha constante na actividade do organismo provincial.

Outros investimentos
A Deputación investiu máis de 350.000 euros na reforma do centro da terceira idade; outros 122.000 na rehabilitación da Casa-Escola de Penela, Iglesias Marcelle e Piñeira; outros 216.000 euros na mellora de 20 dotacións públicas municipais en zonas rurais. Outro exemplo do esforzo inversor do organismo provincial en Monforte foi a dotación dun campo de fútbol 7 para o que achegou 400.000 euros.