Deputación de Lugo

Deputación e sindicatos asinan un novo acordo maioritario, avalado polo 83% dos representantes dos traballadores

- Supón a regularización da xornada laboral do persoal do Parque Móbil, atendendo á deslocalización do servizo e dispoñibilidade dos traballadores; e a estabilización de 20 postos de emprego para a prestación dos novos servizos que lle compete ó organismo provincial en cumprimento coa reforma da Lei de Réxime Local, evitando a súa privatización - “Mentres outras administracións en Galicia están a acudir a empresas temporais, privatizando servizos públicos, aquí trátannos doutra maneira”, destacou Humberto Paz - “O plan de estabilidade de emprego é froito de varios acordos. Esta administración renunciou publicamente a facer ERES, mantén que a vía de acceso ás prazas é por oposición libre e non por concurso; e renunciou á libre designación de postos”, subliñou Valentín Lago

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; os Presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa, e os representantes das organizacións sindicais UGT, CIG e CSIF asinaron este martes un novo acordo maioritario, avalado polo 83% dos traballadores e referendado pola Xunta de Persoal e o Comité de Empresa. Gómez Besteiro remarcou que “este acordo non é algo puntual, senón que é unha tradición nos últimos anos. Os vencedores son os dereitos dos traballadores. Gaña a institución e gañan os traballadores”.

Este acordo maioritario supón a mellora das condicións de traballo do persoal do Parque Móbil, posto que se regulariza a súa xornada laboral, tendo en conta factores como a deslocalización do servizo ou dispoñibilidade dos traballadores; así como a estabilización de 20 postos de emprego para a prestación dos novos servizos que lle compete ó organismo provincial en cumprimento coa reforma da Lei de Réxime Local, evitando a súa privatización. Deste xeito, refórzanse os servizos de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Recadación, Medio Ambiente e Novas Tecnoloxías. 

O Presidente do Comité de Empresa, Humberto Paz, subliñou que “mentres outras administracións en Galicia están a acudir a empresas temporais, privatizando servizos públicos, aquí trátannos doutra maneira”, polo que agradeceu ao Presidente o seu “compromiso co público”.

O Secretario da Xunta de Persoal, Valentín Lago, salientou que “o plan de estabilidade de emprego é froito de varios acordos. Esta administración renunciou publicamente, con acordos que asinou con todas as centrais sindicais, a facer ERES; mantén que a vía de acceso ás prazas na Deputación é por oposición libre, non por concurso. É moi importante destacar o xesto de valentía da Presidencia de renunciar a algo que tiña por lei, que era a provisión de postos por libre designación, para facelo por concurso, poñen fin a esta discrecionalidade. E este ano remata coa sinatura pendente da administración profesional”.