Deputación de Lugo

A Deputación aproba obras e servizos na provincia por valor de máis dun millón de euros

Imaxe deputación de lugo
- A institución luguesa inicia a venda das accións do CD Lugo valoradas en 1.500.000 euros a través dun concurso que velará polos intereses da provincia e da masa social - Publicada a lista de beneficiarios do programa Leonardo da Vinci. Os seleccionados terán cinco días a partir da publicación da lista en www.deputacionlugo.gal e no Taboleiro de Anuncios para presentar a documentación requirida - “O PP volve rirse dos lucenses, especialmente daqueles que están enfermos. No seu lugar eu non sairía á rúa por vergoña”, denunciou Manuel Martínez, logo de que o PP retrase novamente a posta en marcha de servizos sanitarios básicos na provincia

A Deputación de Lugo vén de aprobar, na Xunta de Goberno celebrada hoxe, obras e servizos na provincia por valor de 1.314.205 euros nos Concellos da Fonsagrada, Bóveda, O Incio, A Pobra do Brollón e Ribas de Sil. Esta achega de máis dun millón de euros beneficiará aos veciños que contarán con novas infraestruturas e instalacións deportivas, así como diversas melloras en dotación públicas.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou este esforzo inversor, que permite “dotar ao rural de infraestruturas e servizos, imprescindibles para corrixir as desigualdades e mellorar a calidade de vida dos lucenses, con independencia do lugar onde residan, así como fixar poboación”.

Este é o caso de Bóveda, no que, grazas a unha achega de preto de 400.000 euros, a Deputación rematará a instalación dunha nova estación de tratamento de auga potable e reporá tubaxes na parroquia de Guntín; ou o caso de Ribas de Sil, no que cunha inversión de 95.400 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea, o organismo provincial construirá un parque ambiental no núcleo urbano de Ribas de Sil e a ampliación e mellora do existente na área recreativa do municipio. Estas instalacións contarán con xogos infantís, rocódromo e zonas verdes.

Venda de accións do CD Lugo
A Deputación tamén acordou dar comezo ao proceso de enaxenación de accións do Club Deportivo Lugo, que suporá a saída definitiva da institución provincial do accionariado do clube, no momento no que o propio clube así o solicita.

Deste xeito, o Goberno provincial cumpre, no momento no que o clube así o solicita, co compromiso feito con veciños da provincia, que foi o de “acudir en axuda do Lugo cando non tiña posibilidades económicas”, mercando un paquete de accións que ninguén quixo no momento no que puxeron á venda as accións do CD Lugo e “todos os accionistas e interesados puideron compralas. O Lugo puido manter a categoría na Segunda División grazas á compra por parte de Deputación e Concello,”.

Martínez destacou que “este compromiso tiña data de caducidade”, porque dende un principio o Goberno provincial deixou claro o seu convencemento de que “unha Administración non debe ser propietaria de clubes deportivos profesionais”.

Trátase da venda dun paquete cun valor de 1.500.000 euros –o equivalente a un 49,47% do capital social-, xa que inclúen o paquete de 900.000 euros propiedade da Deputación e o de 600.000 euros propiedade do Concello, venda conxunta que é froito da aceptación da encomenda de xestión aprobada no último Pleno do Concello de Lugo.

O sistema de venda será o do concurso, por ser este o único que permite establecer determinadas limitacións e requisitos. Así, a Deputación esixirá aos futuros compradores que se impida a deslocalización do clube; que este manteña sempre a identidade lucenses conservando na súa denominación o nome de Lugo; que se implique co fútbol base e a canteira, ou que busque a maior implicación e participación da sociedade lucense.

Novos Leonardo da Vinci
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a lista provisional de beneficiarios do programa de emprego en Europa para mozos titulados Leonardo da Vinci. Son medio cento de beneficiarios: 10 deles con titulacións relacionadas coa protección medioambiental; 10 con titulacións relacionadas co turismo; 10 con titulacións relacionadas coa informática; 10 coas ciencias da vida e 9 coa agricultura. A Deputación asume os gastos de desprazamento, aloxamento, manutención, transporte local e cursos de idiomas dos bolseiros, cun orzamento de 231.000 euros, financiados nun 70% por fondos europeos.

As cualificacións finais de todos os aspirantes publicaranse na web www.deputacionlugo.gal e no Taboleiro de Anuncios da entidade, publicación que abrirá un prazo de cinco días naturais para aceptar as bolsas e presentar a documentación requirida.

Lugo continuará sen servizos sanitarios
O voceiro provincial socialista denunciou “a nova tomadura de pelo do PP” aos lucenses”, logo de que a Xunta de Galicia fixara un novo aprazamento mínimo de 18 meses para dotar á provincia de Lugo de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear, servizos que Núñez Feijóo prometera xa en febreiro de 2011. “No seu lugar non sairía á rúa por vergoña”, por ter ignorado unha ILP que contou co apoio de máis de 41.000 cidadáns. “O PP volve rirse dos lucenses, especialmente daqueles que están enfermos” e que teñen que pasar ata 10 ou 11 horas de viaxe ata outras cidades para recibir tratamentos médicos indispensables para a súa curación. “É unha indecencia”, sentenciou.