Deputación de Lugo

Máis de 130 dinamizadores impulsarán o uso das novas tecnoloxías por toda a provincia

- 57 traballadores ofrecerán asesoramento e 576 cursos de formación nos 48 Concellos de todas as cores políticas que decidiron sumarse ao programa InnovaTE da Deputación - Outros 76 dinamizadores desenvolverán actividades programadas para que os maiores da provincia aumenten a súa autonomía e melloren as súas capacidades a través das TIC -Estas dúas iniciativas do proxecto InnovaTE2, financiadas nun 80 % con fondos da Unión Europea, desenvolveranse entre o vindeiro día 9 de decembro e marzo de 2015

Un equipo de 57 traballadores dará formación e asesoramento especializado no campo das novas tecnoloxías nos 48 Concellos de todas as cores políticas que decidiron sumarse ao programa InnovaTE da Deputación. Con este novo servizo, que dará comezo o día 9 de decembro, o organismo provincial responde á demanda que lle trasladaron os propios Concellos, logo do éxito da primeira fase do proxecto, de seguir fomentando o uso da Administración electrónica e as novas tecnoloxías nos municipios.

A Deputación de Lugo reforza, a través do plan InnovaTE2, o equipo de cinco técnicos que prestou servizos na primeira. Agora serán 57 os dinamizadores sociotecnolóxicos, que non só estarán a disposición dos propios Concellos, senón que tamén desenvolverán actividades dirixidas aos veciños en xeral. O obxectivo final é potenciar o uso das novas tecnoloxías e amosar aos lucenses de todas as idades como aproveitar ao máximo todas as posibilidades que as TIC ofrecen a nivel persoal e laboral.

Estes 57 dinamizadores comezarán a súa actividade o día 9 de decembro e continuarán ata o mes de marzo. Entre as actuacións que durante ese tempo porán en marcha destacan:
- Un plan de formación de 576 cursos (12 por Concello) para os empregados municipais sobre temas como os trámites electrónicos, antivirus, ferramentas web, xestión de portais web, formación xurídica relacionada coas novas tecnoloxías ou posta en marcha de sedes electrónicas.
- Colaboración directa cos Concellos para resolver posibles incidencias nos equipos informáticos ou da rede.
- Organización de xornadas divulgativas e de sensibilización, que chegarán a unhas 5.000 persoas e abordarán cuestións como o uso da administración electrónica, o comercio a través da Internet ou a navegación segura pola Rede.

Maiores Sempre en activo
Sempre en activo é outra das iniciativas que a Deputación porá en marcha na provincia a vindeira semana, neste caso dirixida aos lucenses de máis idade.

Para isto, outros 76 dinamizadores serán os encargados de promocionar o uso das TIC entre os lucenses maiores de 55 anos de todos os Concellos da provincia, tal e como a institución provincial está a facer dende hai tempo, a través da Fundación TIC, ofrecendo actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e a comunicación no Centro de Innovación Social InLugo.

Este equipo de profesionais desenvolverá diferentes actividades especialmente programadas para que as persoas maiores aumenten a súa autonomía e melloren as súas capacidades cognitivas e funcionais. Deste xeito, a Deputación continúa co seu compromiso de corrixir as desigualdades entre todos os lucenses, con independencia de factores como o lugar onde vivan, a súa idade ou as súas capacidades, para que poidan acceder ao maior número posible de actividades e recursos relacionados coas novas tecnolóxías, contribuíndo á comunicación e ao intercambio de ideas como mecanismos para aumentar a calidade de vida.

As actividades realizaranse de xeito individual ou colectivo, tanto en centros socioculturais, como nos propios fogares dos usuarios, empregando para isto, diversos medios tecnolóxicos, como odenadores, dispositivos móbiles ou mesmo consolas de videoxogos.

Estes dous novos servizos están cofinanciados nun 80% por fondos europeos a través do Innova-TE2.