Deputación de Lugo

A Deputación impulsa BEN EMPREGADO!, o plan de 5 millóns de euros para desempregados dos 67 Concellos

- O Presidente explicou que “por 1ª vez, unha administración galega crea un plan de emprego que escoita ao tecido empresarial e asociativo, axustando a oferta á demanda. É un plan pioneiro na defensa dos dereitos traballadores a través das cláusulas sociais” - A institución subvencionará a contratación durante 1 ano de parados lucenses en establecementos, empresas ou colectivos que necesitan persoal. Crearanse un mínimo de 300 empregos, respondendo ás peticións dos veciños nas xuntanzas participativas - A selección de empresas ou colectivos participantes atenderá, principalmente, a criterios sociais en defensa dos traballadores, quedando excluídas as entidades en concurso, con residencia en paraíso fiscal ou con despidos improcedentes

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este luns o novo plan de emprego que pon en marcha a Deputación na provincia este mes de decembro. Trátase do BEN EMPREGADO!, “un innovador proxecto, cun orzamento ambicioso de 5 millóns de euros de fondos propios, co que respondemos ás peticións dos veciños nas xuntanzas participativas, onde o 42% estableceu o emprego como a súa máxima prioridade”, destacou Gómez Besteiro. Tamén participaron nesta presentación, os dous Deputados que acompañaron ao Presidente en ditas reunións cos cidadáns por toda a provincia, Pilar García Porto e Álvaro Santos Ramos, “testemuñas das demandas dos veciños”, apuntou o Presidente.

“Por primeira vez, unha administración en Galicia crea un plan de emprego que escoita o que necesita o tecido empresarial e asociativo da provincia, axustando así a oferta á demanda de emprego. Ademais, é un plan pioneiro na defensa dos dereitos dos traballadores, na defensa das cláusulas sociais, que permiten que ese traballo sexa para un empregado ben empregado, respectando todas as condicións e convenios dos sectores. De aí, o nome de BEN EMPREGADO!. Queremos emprego e emprego de calidade, en boas condicións”, salientou Gómez Besteiro.  

BEN EMPREGADO! está dirixido a todos os desempregados lucenses dos 67 Concellos da provincia. O único requisito é ser desempregado lucense. A Deputación subvencionará con 5 millóns de euros todos os custes salarias (nóminas e cotización á Seguridade Social) da contratación durante 1 ano de desempregados lucenses en establecementos, empresas ou colectivos da provincia que necesitan novo persoal para impulsar a súa actividade, pero que requeren de axuda económica para poder contratalo neste momento.

“Favoreceremos, ademais, a continuidade destes traballadores despois desta axuda por 1 ano, porque na selección de entidades participantes vaise a puntuar máis alto canto maior ou máis grande sexa o compromiso destas entidades ou colectivos para continuar os contratos posteriormente”, remarcou o Presidente.

Crearanse un mínimo de 300 novos empregos, cifra que dependerá da oferta real de emprego. Serán empregos de calidade, posto que os contratos estarán blindados con claúsulas sociais para que se cumpran os convenios do sector. Na selección de entidades e colectivos participantes tamén se valorarán as melloras.

A Deputación concederá ata un máximo de 22.000 euros por traballador, “a maior axuda que concede unha administración galega para a contratación de persoal”, salientou Besteiro.

Fases e prazos
García Porto explicou BEN EMPREGADO! se divide en dúas fases. A primeira, que se desenvolverá entre decembro e xaneiro, consistirá en coñecer a verdadeira oferta de emprego que existe na provincia, coa colaboración de profesionais de todos os sectores estratéxicos de Lugo. A Deputación ofrecerá a pequenas empresas e  microempresas, empresarios individuais e profesionais, comunidades de bens e sociedades civís, asociacións, federacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro (todas elas lucenses), que presenten proxectos de futuro sobre a súa actividade socioeconómica, detallando o número e o perfil de persoas que desexarían contratar para levalo a cabo (formación, experiencia, idiomas, mobilidade…), a súa función ou vinculación coa empresa... 
Coñecida a oferta real de emprego na provincia, a segunda fase, que terá lugar en febreiro,consistirá en darlle resposta en base á demanda de emprego existente en Lugo. A institución celebrará unha convocatoria pública de selección de traballadores desempregados lucenses dos 67 Concellos da provincia para que sexan eles os que dean resposta a esta oferta de emprego.

A Xunta de Goberno deste venres aprobará as bases do BEN EMPREGADO!. Posteriormente, serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia. Ao día seguinte da publicación no BOP, abrirase un prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de empresas e colectivos lucenses. Toda a información sobre as bases ou os modelos de inscrición estará ao acceso de todos os interesados en www.deputacionlugo.gal e no 982-260-000.

Criterios de selección
Santos Ramos explicou que a selección de entidades ou colectivos lucenses, que será en réxime de concorrencia competitiva, atenderá, principalmente, a criterios sociais en defensa dos traballadores. Na valoración de solicitudes puntuarase:

1.- Entidades cuxo domicilio fiscal se encontre en calquera Concello da provincia de menos de 5.000 habitantes. “Criterio en defensa da igualdade de oportunidades no rural e para combater a sangría demográfica”, destacou Santos Ramos.
2.- Entidades que apliquen claúsulas sociais nos contratos de traballo do seu cadro de persoal ou contemple calquera outra mellora que redunde en beneficio do traballador.
3.- Contar cun programa de horario flexible.
4.- Ofrecer bolsas de estudo, plan de pensións, seguros médicos
5.- Favorecer medidas de conciliación da vida laboral e familiar
6.-Calidade da memoria-proxecto e adecuación ao programa
7.- Entidades atendendo ao cadro de persoal, “en impulso a autónomos e PEMES”.

En cumprimento coa Lei de Subvencións, non poderán participar entidades declaradas en concurso, que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, que teñan a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado como paraíso fiscal, ou que estean sancionadas mediante resolución firme coa perda de obter subvencións. Tamén quedarán excluídas, no caso de despedir de forma improcedente a algún traballador, como mínimo, nos seis meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudades do BEN EMPREGADO!.