Deputación de Lugo

Besteiro reclama no Parlamento que a Xunta elabore orzamentos participativos, como a Deputación de Lugo

- O Presidente anunciou 28,1 millóns de euros nas Contas do 2015 para a tres áreas de actuación que os veciños marcaron como prioritarias –emprego, infraestruturas e políticas sociais-, o que supón o 85% dos investimentos incluídos no presuposto - No orzamento, que se mantén con respecto a este 2014 con 89,4 millóns de euros, a débeda baixa a 12 millóns, co que se cumprirán as previsións de deixala a cero no 2016. “Non deixamos lastre algún ás futuras xeracións”, subliñou Besteiro - Os Orzamentos Participativos “son un paso máis na mellora da calidade democrática e a transparencia na xestión do público que iniciamos no 2007. A Deputación pasou de ser declarada hostil e entorpecedora polo Valedor á 6ª máis transparente de España” - Gómez Besteiro denunciou na Cámara galega “a gravísima inxustiza que comete o Goberno de Núñez Feijóo coa provincia ao non dotar de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas ao Hospital de Lugo. Levamos case 4 anos esperando”    

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este martes durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia que a Xunta elabore orzamentos participativos, como fixo a institución provincial coas Contas do 2015. Gómez Besteiro presentou de feito na Cámara  galega os primeiros orzamentos participativos dunha Deputación en España, “os froitos dun ambicioso e valente proceso de participación cidadá”, subliñou, cumprindo deste xeito co que se comprometera no propio Parlamento fai un ano. “Seguimos avanzando na mellora da calidade democrática e na transparencia que iniciamos dende o actual Goberno progresista no ano 2007. O salto foi extraordinario. Coas numerosas medidas de rexeneración que levamos adoptado dende entón, conseguimos que a Deputación pasase de ser declarada hostil e entorpecedora polo Valedor do Pobo á 6ª máis transparente de toda España”, asegurou.
 
O Presidente anunciou que as Contas do 2015 dedican 28,1 millóns de euros ás  tres áreas de actuación que os veciños marcaron como prioritarias -emprego, infraestruturas e políticas sociais-, o que supón o 85% dos investimentos incluídos no presuposto. Segundo destacou, nestes Orzamentos, que se manteñen con respecto a este ano 2014 con 89,4 millóns de euros, recollen a opinión de 55.000 veciños, é dicir, o 20% da poboación lucense maior de 16 anos, que participou ben directamente, ou a través das 300 asociacións que tomaron parte na iniciativa.
Solvencia económica
Ademais de “seguir as directrices fixadas polos lucenses”, os presupostos “manteñen a consolidación e solvencia económica” da institución, subliñou Besteiro. A débeda financeira baixará 9,7 millóns de euros no 2015, ata os 12 millóns. Como se comprometera o mandatario provincial, no 2016 o endebedamento quedará a cero. “Non deixamos lastre algún ás futuras xeracións”, todo o contrario que a Xunta, que “reduciu á metade os investimentos e, ó mesmo tempo, duplicou a débeda, ata superar a alarmante cifra dos 10.000 millóns de euros, o que condena a varias xeracións cunha carga económica que non se traduce en investimento algún, nin en emprego, nin en benestar, nin en ningún sector estratéxico do país”.   

Debido á baixada das transferencias do Estado –a principal fonte de ingresos da Deputación- e ao remate dos fondos europeos da última convocatoria, a institución solicitará un crédito bancario por 3 millóns de euros co obxectivo de manter o volume de investimentos. Gómez Besteiro avanzou que, tras o éxito obtido nas últimas convocatorias, “nas que acadamos proxectos por valor de 42,5 millóns de euros para emprego, economía do medio ambiente e novas tecnoloxías, volveremos a concorrer aos fondos europeos”.

As tres prioridades decididas maioritariamente polos veciños son o fomento do emprego, cun 42%, as infraestruturas, cun 15%, e as políticas sociais, cun 12%. O Presidente explicou como responde a Deputación a cada unha destas demandas sociais.
Emprego, prioridade número 1
Destacou que “a principal inquietude dos lucenses coincide realmente coa prioridade número 1 da Deputación nos últimos anos: crear emprego e actividade económica, pois, a pesar “dos intentos de maquillaxe dalgúns, as cifras do paro en Galicia son dramáticas. O número de parados duplicouse dende hai só 5 anos e hoxe 244.044 persoas queren traballar e non poden”. Máis paro, pero tamén máis precariedade laboral, engadiu o Presidente, “consecuencia da Reforma Laboral imposta polo Goberno central”.

Mentres a Xunta recortou un 54% en fondos para emprego dende que goberna Feijóo e o Goberno de Rajoy reduciu estes recursos para o 2015 en 4.500 millóns de euros, a Deputación “prioriza as políticas dirixidas a reactivar o mercado laboral”. Como mostra do seu compromiso, Besteiro sinalou que o último Goberno provincial do PP destinou a emprego 18.030 euros, mentres o actual equipo dedicará no Orzamento 2015 máis de 5,3 millóns de euros, “é dicir, 300 veces máis”.
Catro plans de inserción laboral
Ademais, a Deputación continuará coas 4 liñas de inserción laboral que na actualidade ten en marcha ou a piques de comezar: o Pacto Provincial polo Emprego II, co que insertará no mercado laboral a máis de 1.000 lucenses no paro; un plan de emprego en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI), que beneficia a 50 persoas, sobre todo mozos; un plan para concellos de menos de 5.000 habitantes situados na Rede Natura, que dá traballo a 80 persoas; e un Plan de Emprego dotado con 5 millóns de euros que arrancará nos vindeiros días.
Abrirá o centro de recría e 6 residencias
Tamén se creará emprego, afirmou Gómez Besteiro, “coa posta en marcha de infraestruturas vitais para o futuro da nosa provincia, que impulsamos en solitario, sen ningún apoio da Xunta, nin sequera institucional”. O vindeiro ano abrirá o 1º centro público de recría de gando de España, “que potenciará un sector estratéxico para Galicia como é o agrogandeiro; queremos que a xente viva no rural e do rural”. Tamén abrirán as 6 primeiras residencias e centros de día públicos para a terceira idade “que estamos terminando de construír na provincia en colaboración con Concellos de todas as cores políticas”. Estes 6 primeiros centros darán emprego a máis de 60 persoas, segundo avanzou o mandatario provincial.

“Tan importante é a cantidade, como a calidade”, asegurou Gómez Besteiro. Por iso, a Deputación non só disparou os investimentos, senón que foi máis alá e implantou as denominadas cláusulas sociais, que blindan os dereitos sociais e laborais dos traballadores. “Cos contratos que temos en marcha benefícianse das cláusulas sociais 160 traballadores de empresas que prestan servizos á institución provincial”, indicou.
Á espera de cláusulas sociais na Xunta
“Fomos a 1ª Deputación de toda España en aplicar este modelo de contratación socialmente responsable e alegrámonos de que, despois de rexeitar esta medida nun primeiro momento, o PP aceptase finalmente no Debate do Estado da Autonomía seguir o mesmo camiño e defender aos traballadores con cláusulas sociais no ámbito da Xunta”, recalcou o Presidente.
Infraestruturas
Atendendo precisamente ás peticións dos cidadáns, a Deputación reforzará xa este ano os investimentos en infraestruturas e cooperación cos concellos. Besteiro anunciou unha partida de 9,2 millóns de euros para o arranxo de estradas provinciais ao seu paso polos 67 concellos da provincia; mellora de vías municipais; instalacións deportivas; e dotación de equipamentos e servizos no rural, como traídas de auga, saneamentos ou locais sociais.
Con respecto ao orzamento do 2015, contemplaranse fondos por 11 millóns de euros para infraestruturas a través dos seguintes plans:
- O Plan de Obras e Servizos, que a Deputación mantén con 3 millóns de euros, un ano máis sen achega algunha do Goberno central.
- Un Plan de Infraestruturas Veciñais, con 2 millóns para obras e servizos no rural.
- O Plan de Conservación da rede provincial de estradas máis extensa de España -4.200 quilómetros- con 5,3 millóns de euros.
- E o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM), para o que fará unha achega de case 400.000 euros, que garantirá, por segundo ano, a súa execución. O Presidente lembrou que a Deputación de Lugo pasou a financiar case o 11% deste programa europeo, mentres a Xunta aporta o 2%.
Políticas Sociais
Besteiro reiterou a demanda de “seriedade e planificación” á Xunta no eido dos servizos sociais que xa realizou o ano pasado no Parlamento, pois “segue impoñéndonos a obriga de financiar os servizos sociais básicos nos Concellos de menos 20.000 habitantes, pero sen transferirnos os recursos económicos”. En todo caso, “como institución seria e responsable, consciente da importancia de manter uns servizos sociais de calidade e axeitados ás necesidades dos lucenses, aumentamos ano tras ano as partidas destinadas a este fin”, precisou.
De feito, ao igual que ocorreu coas políticas de emprego, “a Deputación comezou a investir en servizos sociais cando chegou o actual goberno: dos 515.000 euros do ano 2007 pasamos aos 2,9 millóns que destinaremos no orzamento 2015 a este fin”, afirmou.
Ademais de poñer en marcha 6 residencias públicas, a Deputación achegará 600.000 euros para as obras do centro de maiores de Ribadeo, que financia case na súa totalidade con 1,8 millóns de euros.
Por unha educación pública de calidade
No eido das Política Sociais, destaca tamén o esforzo inversor do organismo lugués na educación pública de calidade: Mantén a única Escola de Imaxen e Son pública da provincia con 1,6 millóns de euros; vén de achegar 560.000 euros para un Plan de Impulso do Campus Universitario de Lugo, e no 2015 seguirá colaborando coa USC con 300.000 euros; e, ademais de construír a sede da UNED na capital lucense cun investimento de 1,8 millóns de euros, o vindeiro ano achegará para esta Universidade case 300.000 euros.  
Como destacou o Presidente, “a Deputación de Lugo segue sendo a que máis inviste de todo o Estado en Deporte por habitante e ano, despois das forais vascas e os cabildos”. No 2015 manterá partidas de 3,5 millóns de euros para Deporte e 3,2 millóns en Cultura.
Sen os servizos do HULA
Ao igual que a Deputación responde ás peticións que os veciños lle fixeron, o Presidente confía en que tanto a Xunta de Galicia, como o Goberno do Estado “tamén o fagan”. Para iso, a institución enviará nos vindeiros días “as propostas veciñais que son da súa competencia para que saiban que deberes lles poñen os lucenses”, entre eles a dotación de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas no Hospital de Lugo.
Neste senso, Gómez Besteiro aproveitou a comparecencia “ante a Cámara de representación de todos os galegos para denunciar a gravísima discriminación e inxustiza que comete o Goberno de Núñez Feijóo coa provincia de Lugo ao ter paralizados estes servizos, ademais de manter bloqueada a redacción da ponencia sobre a Iniciativa Lexislativa Popular que avalaron 41.095 persoas. Somos a única provincia galega que non conta cuns servizos polos que levamos xa case catro anos esperando”.    
“Outra forma de facer política é posible”
Cos orzamentos participativos da Deputación de Lugo para o ano 2015 “queda claro que, no marco da austeridade que nos impuxeron, uns comportámonos mellor que outros”, subliñou o Presidente, pois a lucense é “a Deputación galega que máis inviste por habitante e a menos endebedada, e a Xunta reduciu á metade os investimentos, mentres duplicou a débeda”.
“Queda demostrado, unha vez máis que outra forma de facer política é posible. Existe unha alternativa política progresista, viable e solvente, que ten en conta á xente e loita por solucionar os seus problemas. Escoitamos aos cidadáns e incorporamos as súas prioridades aos orzamentos, somos capaces de manter o investimento e deixaremos a cero a débeda financeira”, asegurou o Presidente.