Deputación de Lugo

A historia da Pegada de San Francisco en Galicia  complétase en Santiago,  tras recibir 3.500 visitas na Capela de Santa María e no Cebreiro

- Gómez Besteiro inaugurou a mostra que acolle a Hospedería de San Martín Pinario, a segunda hospedaxe máis grande de España, onde se reúnen 40 pezas históricas que ofrecen unha completa visión da orde franciscana na historia e arte galegas - A mostra permanecerá aberta ata o 28 de febreiro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas de luns a domingo. A entrada é totalmente de balde

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este martes na Hospedería de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela, a exposición itinerante A Pegada de San Francisco en Galicia, que amosa o legado franciscano xusto cando se cumpren 8 séculos da súa chegada. Santiago é a terceira parada desta gran mostra da historia da Orde de San Francisco en Galicia, e da pegada desta nas diferentes manifestacións artísticas do país, tras o seu paso pola capital luguesa e polo Cebreiro, onde recibiu a visita de 3.500 persoas na Capela de Santa María e na Igrexa de Santa María do Real, durante os últimos catro meses.

No acto de presentación, no que tamén estivo presente o Arcebispo de Santiago, Julián Barrio, o Deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, o Ministro Provincial da Provincia Franciscana de Santiago da Orden de Frailes Menores, José Antonio Castiñeira e a Directora da Hospedería do Seminario Marior San Martín Pinario, Mª del Carmen Furelos; o Presidente subliñou a “oportunidade única” que supón esta exhibición “para descubrir a influencia que no pensamento occidental tivo o nacemento da orde franciscana, non só durante a Idade Media e o Renacemento, senón tamén na Idade Moderna”; ao tempo que recordou a influencia da orde na pedagoxía e en manifestacións culturais como a literatura ou a música.

Gómez Besteiro tamén fixo fincapé nos espazos expositivos que están a acoller esta mostra: “primeiro a Capela de Santa María, espazo referente no circuito artístico lugués e galego por acoller exposicións de natureza ben diferente e de grande interese para o público, logo o templo de Santa María do Real, un dos monumentos máis antigos da ruta xacobea integramente conservado e punto de referencia para os milleiros de peregrinos que ao largo do ano realizan o Camiño Francés, e agora a Hospedería de San Martín Pinario, a segunda hospedaxe máis grande do país e o conxunto, xunto á Catedral de Santiago, máis valioso do barroco galego”.

Corenta pezas de gran valor histórico e artístico
Esta exposición itinerante congrega 40 pezas por primeira vez no país reunidas nun mismo lugar, ofrecendo unha completa visión, dende moi diferentes puntos de vista, da influencia da orde franciscana na historia e arte galegas. De feito, esta é a primeira vez que todos os obxectos presentes, todos eles de gran valor histórico e artístico, saen dos seus lugares de exposición e depósito habituais para amosarse ao público nunha mostra itinerante. Trátase dunha corentena de pezas, dende documentos ata pinturas ou esculturas pasando por relicarios e testamentos do século XVI, procedentes do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, tanto do Arquivo como da Biblioteca; do Museo de Terra Santa, do Santuario de Santa María da Real e das parroquias de O Temple e de Veiga das Forcas, en Pedrafita do Cebreiro, xunto con outros procedentes do Museo Catedralicio de Lugo.

Horarios da exposición
A Pegada de San Francisco en Galicia permanecerá aberta na Hospedería de San Martín Pinario ata o 28 de febreiro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, de luns a domingo. A entrada é totalmente de balde.