Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a actividade do tecido empresarial lucense

Imaxe deputación de lugo
- A institución provincial vén de aprobar en Xunta de Goberno un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) por importe de 60.000 euros - Gómez Besteiro destacou que “é fundamental que os sectores público e privado traballen de xeito conxunto para reactivar a actividade económica” -Este convenio súmase a outros asinados con entidades como a Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo (AELU) ou coa Asociación de Autónomos de Galicia (AUGA)

A Deputación de Lugo vén de aprobar, na Xunta de Goberno celebrada hoxe, un convenio coa Confederación de Empresarios da provincia de Lugo (CEL), co que a institución provincial fai unha achega de 60.000 euros para impulsar a actividade do tecido empresarial lucense.

Dito convenio foi presentado hoxe polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o conselleiro delegado da Confederación, Jesús García Quintá nun acto celebrado na sede da Confederación de Empresarios no que Gómez Besteiro destacou que “esta colaboración responde ás políticas de apoio ás empresas por parte da Deputación nos últimos anos e, en especial ás pequenas e medianas empresas, as máis numerosas na provincia e en toda Galicia”. De feito, supoñen máis do 95% do tecido empresarial lucense.

Gómez Besteiro destacou as dificultades as que se enfronta o tecido empresarial no país, como o feito de que das últimas 27 subas de impostos establecidas polos Goberno central, 13 delas están a ser soportadas directamente polas empresas, ao que engadiu, no caso concreto da provincia de Lugo, a escaseza de inversións claves en infraestruturas e servizos por parte dos Gobernos central e autonómico, tal e como tamén denunciaron os propios empresarios lucenses.

O conselleiro delegado da CEL, Jesús Quintá, destacou pola súa banda que o acordo permitirá á CEL "seguir desenvolvendo o seu traballo fundamental, que é o de atención ás pequenas e medianas empresas da provincia de Lugo, máis necesario que nunca dada a situación de crise que levan soportando desde fai máis de cinco anos e que, aínda que parece que empeza a remitir, suporá aínda polo menos dous anos máis de dificultades”. Subliñou na mesma liña a “importancia de pemes e microempresas para a provincia de Lugo, onde son maioritarias”, pois supoñen máis do 95% do seu tecido empresarial, e do “desenvolvemento de accións para o fomento da súa internacionalización”.

Apoio a empresa e creación de emprego
O Presidente destacou as políticas de apoio da Deputación ao tecido empresarial emprendidas nos últimos anos, “en materia tecnolóxica; as dirixidas a mellorar o financiamento”, que cumpren, ademais, o obxectivo de “ofrecer solucións aos máis de 25.000 desempregados da nosa provincia”. Gómez Besteiro destacou a máis recente destas medidas, o plan BEN EMPREGADO!, unha iniciativa coa que o organismo provincial destina 5 millóns de euros de fondos propios para asumir na súa totalidade os custes salariais e de Seguridade Social para a contratación durante 1 ano de desempregados lucenses en establecementos, empresas ou colectivos da provincia que necesiten novo persoal para impulsar a súa actividade, pero que requeren de axuda económica para poder contratalo neste momento. Deste xeito, “iremos directamente ás empresas para saber cales son as súas necesidades e adaptar á oferta á demanda”, con vistas a xerar emprego tamén a longo prazo.

Actividade da CEL
A CEL atende unha media de máis de 5.500 consultas ao ano só das súas empresas asociadas, a través dos seus servizos de asesoramento xurídico, laboral, fiscal, de comercio exterior e comunicación ou administrativos. A maiores, asesora cada ano a unha media de 200 proxectos empresariais promovidos por emprendedores lucenses en colaboración coa Fundación CEL.

Esta última entidade conta cun centro de iniciativas empresariais para incubación que vén de ser cualificado por FUNCAS (Fundación de Caixas de Aforro) como o 13º mellor de España, dos máis de 350 analizados. Este posicionamento é mellor se se atende a criterios concretos como “incubación básica” (6º mellor de España) ou “difusión do espíritu de empresa” (8º mellor de España). A Confederación de Empresarios de Lugo desenvolve, así mesmo, labores de orientación laboral a desempregados e de formación.