Deputación de Lugo

A  TIC colabora con “SOMOS unidos por el Cáncer” coa gravación dun flashmob no que participaron 400 voluntarios

- Regina Polín asistiu á filmación do baile multitudinario que realizaron alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, en apoio ao colectivo de familias de nenos e adolescentes con cancro - O traballo audiovisual é froito do convenio subscrito con  “SOMOS”, que se engade ao máis dun centenar de entidades sen ánimo de lucro coas que a TIC colabora na provincia

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participou na flasmob que gravaron este sábado alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS) para apoiar a iniciativa de “SOMOS unidos por el Cáncer”, a asociación de familias de nenos e adolescentes lucenses afectados polo cancro.

Uns 400 voluntarios de todas as idades bailaron ao ritmo do himno de “SOMOS”, que compuxo o lucense David Taboada, coa coreografía creada pola escola Star Dance de Lugo. O acto comezou ás catro da tarde, na entrada do HULA, onde os participantes recolleron un pano amarelo que levaron posto durante o baile multitudinario. Ao remate, houbo unha solta conxunta de globos luminosos na explanada do hospital.

Difusión nas redes sociais
Co material audiovisual, estudantes e técnicos da Fundación editarán o videoclip da peza musical titulada Puedo,himno da entidade sen ánimo de lucro, para a súa difusión nas redes sociais. Un equipo de alumnos e docentes tamén participou nos ensaios previos á gravación, en cuxa produción colaborou unha exalumna da Escola, Miriam Vázquez, membro de “SOMOS unidos por el cáncer”.

A colaboración da TIC deu comezo no mes de febreiro, coa gravación das actividades lúdicas organizadas pola asociación lucense na rúa, baixo o lema  “Ponte unha capa amarela”, con motivo da celebración do Día do Cancro Infantil, co fin de facer visible esta enfermidade e a súa incidencia na provincia.

A finalidade social da  TIC
A achega da Fundación TIC é froito do convenio asinado con “SOMOS Unidos por el Cáncer”, co fin de promover o seu labor de apoio aos enfermos de cancro e as súas familias, xunto ao resto de obxectivos da asociación, como a recadación de fondos para a investigación dos tumores, a prevención, e a organización de campañas informativas para concienciar á poboación.

Na actualidade son máis de 130 as organizacións que manteñen acordos de colaboración coa TIC, que facilitan aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son prácticas profesionais en escenarios reais, a prol da súa inserción no mercado laboral.