Deputación de Lugo

A falta de permisos da Xunta obriga á Deputación a paralizar temporalmente as obras en Riotorto

Imaxe deputación de lugo
- A Consellería de Industria ten pendente a concesión da licencia legal imprescindible para poder continuar coas obras na estrada do Marco de Álvare ás Rodrigas - Existe un treito de 140 metros no que a institución luguesa aínda non puido executar ningún traballo pola falta da licenza da Xunta, agora fundamental para aplicar o aglomerado - A Deputación reclama axilidade á Xunta, que tamén mantén bloqueadas as obras na vía de Armesto por Torés ás Nogais debido á falta deste mesmo permiso

A falta de permisos da Xunta obriga á Deputación a paralizar temporalmente as obras na CP-5501 do Marco de Álvare ás Rodrigas, en Riotorto. A institución luguesa espera que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, departamento da Consellería de Industria, lle conceda o permiso legal imprescindible para poder continuar coa mellora desta estrada. E é que logo de estender a zahorra na CP-5501, o seguinte paso é aplicar o aglomerado en quente, traballos que non se poden realizar por fases, senón de xeito continuo nos 6 quilómetros. Existe un treito de 140 metros no que a Deputación aínda non puido executar ningún traballo debido á falta do permiso da Xunta. Trátase dun espazo non que é preciso empregar explosivos para facer un desmonte polo que transcorra a estrada. 

A Deputación pide axilidade á Consellería de Industria, xa que só unha vez que conceda este permiso poderá retomar as obras, aplicando o aglomerado cando non chova e a capa de zahorra estea seca. A Xunta tamén ten pendente conceder este mesmo permiso para poder continuar coas obras na estrada 0707 de Armesto por Torés ás Nogais, en Becerreá. 

O organismo provincial fai un esforzo inversor de 1,4 millóns de euros na mellora desta vía (400.000 euros nas expropiacións e 1 millón de euros nas obras) e arranxa preto de 6 quilómetros (dende o punto quilométrico 0,000 ó 5,800), eliminando curvas, ensanchando o vial ata os 8 metros, aglomerando e sinalizando.  Trátase do principal acceso á N-640, que é a estrada que une esta zona da Mariña coa capital luguesa, rexistradno 3.000 usurarios diarios ao ser empregada por veciños de Riotorto, A Pontenova e Trabada, principalmente.

Cronoloxía
O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, lembrou que “o Partido Popular prometeu estas obras durante dúas décadas pero nunca as fixo. Antes da eleccións  municipais do 2007, aprobou un plan de 50 millóns de euros, no que incluíu estes traballos. Pero cando chegamos aos Goberno Provincial, o único que nos atopamos foi un plan sen cartos e sen terreos. Ante esta situación, tivemos que comezar dende cero, poñendo en marcha o proceso de expropiacións imprescindible e previo as obras segundo a lei. Conseguimos expropiar o 70% dos terreos. No 2010, remitimos ó Xurado de Expropiacións a documentación necesaria para que este departamento, dependente da Consellería de Infraestruturas, dictaminase o xustiprezo do 30% restante. A Xunta tardou 2 anos en facelo. É dicir, bloqueou estas obras outros 2 anos máis”, remarcou.

Conseguidas as 200 fincas necesarias, para as que a institución achegou 400.000 euros, a institución elaborou o proxecto, licitou e adxudicou as melloras, investindo 1 millón de euros. Cando a adxudicataria estaba a levar a cabo as primeiras escavacións e estudando o terreo para fixar a rasante –a altura da vía-, os problemas económicas da contratista obrigaron á paralización temporal das obras. A Deputación tivo entón que resolver o contrato, avaliando en primeiro lugar os traballos levados a cabo pola empresa. A liquidación destas obras resultou cun saldo a favor do organismo provincial de 37.000 euros, que a adxudicataria tivo que devolver á institución. Seguidamente, redactou un novo proxecto, que se adxudicou por 516.000 euros, procedentes da partida de 1 millóns de euros xa designada, é dicir, non se incrementaron os custes.

“Durante todo este proceso, orixinado por problemas alleos á Deputación, o Partido Popular só se adicou a calumniar a este Goberno Provincial e a mentir novamente ós veciños, dicíndolles que non iamos a facer as obras. O PP nunca pediu desculpas pola súa campaña de difamación e panfletos, polas súas calumnias e mentiras, por non defender os intereses dos lucenses e deste institución”.