Deputación de Lugo

A Deputación súmase á mobilización “Veterinaria digna” para defender a facultade de Lugo e todo o sector profesional

A Deputación súmase á mobilización “Veterinaria digna” para defender a todo o sector profesional e a facultade de Lugo, coa que mantén unha estreita relación de colaboración dende a súa posta en marcha hai case tres décadas, sendo partícipe e testemuña dos seus avances, que a converteron nun centro de referencia en España, avalado pola Unión Europea.

En representación do organismo provincial, a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participou este mércores na concentración diante da facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. Trátase da convocatoria en Galicia que impulsou a Conferencia de Decanos e Decanas de Veterinarios de España.

Este colectivo levou concentracións por todo o país para defender o sector veterinario ante a ameaza que supón a posible posta en marcha de cinco novas facultades en España. Os expertos coinciden que isto prexudicaría seriamente aos futuros veterinarios e a todo o sector profesional, posto que conlevaría unha perda do excelente académico, sobredimensionaría a oferta destes estudos, saturaría o mercado laboral disparando o paro e a precariedade, e aumentaría o grave déficit económico que xa soportan as universidades públicas.

A Unión Europea recomenda unha facultade de Veterinaria por entre sete e dez millóns de habitantes. España xa conta con doce, tocando a un centro por cada 3,9 millóns. Cada ano saen 1.200 titulados das facultades do país, con dificultades para atopar emprego.