O Pleno da Deputación esixirá á Xunta converter en autovía o corredor Lugo-Sarria-Monforte
O Goberno Provincial leva unha moción ao Pleno de mañá para esixir á Xunta de Galicia que converta en autovía o corredor Lugo-Sarria-Monforte, desdobrando o carril por sentido de circulación; e que incremente as medidas de seguridade e vixilancia na zona ata que isto non se produza, ante os numerosos sinistros que se rexistran.
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que o Goberno bipartito deixou a superficie afectada polo corredor expropiada e as infraestruturas en pontes e viaductos desdobradas para poder converter esta vía en autovía. É dicir, deixamos máis da metade do traballo feito. Só é cuestión de vontade política, da que parece carecer o Goberno de Feijóo que, dende que está na Xunta, recortou ano tras ano as partidas orzamentarias para o corredor, facendo que esté incompleto e ata sen data para o seu remate.
Na actualidade, o corredor ten útiles 34 quilómetros dos case 60 que o completarían. No 2008, cando o Goberno bipartito iniciou as obras, a previsión era rematalas a mediados do 2012. No deseño, xa se contempla o seu desdobramento para ser autovía. O Consello da Xunta do 26 de xuño de 2008 determinou que o corredor contará con dous carrís de 3,5 metros e dúas beirarrúas de 2,5 metros, e as súas estruturas estarán preparadas para o seu desdobramento en autovía, cando a intensidade do tráfico así o requira.
O Goberno Provincial salienta na moción que presenta ao Pleno que ante o incremento de accidentes de tráfico que sofre a estrada autonómica, e a vocación desta de ser no futuro unha autovía que vertebre o territorio da provincia de Lugo, Ourense e León, por medio da A-76, o equipo de Goberno da Deputación de Lugo somete a pleno os seguintes acordos:
- Instar ao Presidente da Xunta a que inicie os trámites para converter o actual Corredor Lugo-Sarria-Monforte nunha autovía, desdobrando o carril por sentido de circulación.
- Esixir á Xunta de Galicia que incremente as medidas de seguridade e vixilancia do corredor para previr accidentes de tráfico ata o seu futuro desdobramento.