Deputación de Lugo

Besteiro: “Os anuncios sanitarios do PP son un intento de xustificar un retraso inadmisible do que é responsable Feijóo”

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente da Deputación denunciou a falta de interese da Xunta en que os lucenses conten con eses servizos porque decisións “que poden ser inmediatas”, como Hemodinámica 24 horas “non teñen intención ningunha de tomalas” - “A Xunta está recibindo moita presión por parte dos cidadáns, xa que ninguén entende por que ese hospital grande non é un gran hospital”, en clave de ter servizos sanitarios básicos para a provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe os “retrasos inadmisibles” por parte da Xunta de Galicia para que a provincia de Lugo conte finalmente cos servizos sanitarios básicos de Hemodinámica 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia, logo de que o Goberno de Núñez Feijóo anunciara onte, novamente, a súa posta en marcha no hospital lucense.

“Os anuncios da Xunta de Galicia non son máis que un intento do Partido Popular de xustificarse por un retraso inadmisible nos últimos catro anos, do cal é responsable quen dirixe a Xunta de Galicia, que foi quen comprometeu aquí en Lugo prazos que non cumpriu. Está claro que unha cousa é o que din e outra ben distinta o que fan”.

Á vista destes sucesivos anuncios, Gómez Besteiro denunciou a falta de interese do Goberno de Núñez Feijóo porque os lucenses conten con eses servizos porque, de ser así, decisións “que poden ser inmediatas”, como una unidade de Hemodinámica en funcionamento as 24 horas, e non en horario de 8 a 15 horas como o está a facer na actualidade, “non teñen intención ningunha de tomalas”.

O Presidente destacou que o problema é que a Xunta de Galicia fai anuncios deste tipo porque “están recibindo moita presión por parte dos cidadáns, xa que ninguén entende por que ese hospital grande non é un gran hospital, en clave de ter os servizos de Medicina Nuclear e Radioterapia”, así como Hemodinámica 24 horas.