Deputación de Lugo

Gómez Besteiro contrapón as políticas lingüísticas da Deputación de Lugo ás da Xunta

- O Presidente subliñou que “Feijóo recortou nun 70% os fondos para o galego. Fraga investía o triplo. O resultado é catastrófico. Temos que correxir 5 anos negros con recursos” - A Deputación ofrecerá aos Concellos axudas para contratar normalizadores lingüísticos, unha liña de subvencións que lles suprimiu a Xunta de Galicia no 2012 - Gómez Besteiro avanzou que o organismo provincial incrementará este ano as colaboracións coa RAE tras o encontro que mantivo co seu Presidente, Xesús Alonso Montero

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, contrapuxo este mércores as políticas lingüísticas da Deputación de Lugo ás da Xunta de Galicia. Fíxoo tras a reunión que mantivo co Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, na que acordaron novas colaboracións e abordaron a “preocupante” situación na que se atopa o galego.

O titular provincial desgranou os últimos datos do Instituto Galego de Estatística e apuntou a “caída en case 6 puntos, do uso do noso idioma, sobre todo entre os máis mozos”. Segundo a enquisa do IGE, a porcentaxe de galegofalantes no conxunto de Galicia descendeu do 57% no 2008 ao 51,49% do 2013. O 75% dos rapaces menores de 15 anos usan sempre ou maioritariamente o castelán.

“A nosa responsabilidade é actuar contra isto fronte a unha actuación pouco eficaz da Xunta. O primeiro dos galegos debería ter unha política clara en relación co uso do galego, posto que a protección do noso idioma forma parte das competencias que recibe o Presidente de Galicia. Sen embargo, con Feijóo o galego foi cada vez a menos. Os fondos da Xunta en defensa do galego desplomáronse nun 70%. Fraga investía o triplo. O resultado é catastrófico. Temos que correxir 5 anos negros. E para isto hai que poñer novos recursos”.

Neste senso, Gómez Besteiro adiantou que este ano a Deputación, a través do departamento de Cultura, ofrecerá unha nova liña de axudas para respaldar aos Concellos de cara a contratar empregados que traballen no eido da normalización lingüística. A institución luguesa fará o traballo que non está a facer a Xunta dende o 2012, cando eliminou, antes de resolvelas, as axudas para a contratación de normalizadores.

O Presidente avanzou que a Deputación incrementará no 2015 a axuda económica que, dende a chegada do actual Goberno Provincial, concede á RAG, e que xa superan os 70.000 euros, ao tempo que financiará os actos na provincia polo centenario de Ramón Piñeiro, veciño de Láncara e ilustre escritor, que foi académico numerario da Real Academia Galega. “A relación entre Deputación e RAG, que é positiva, ten que ir a máis ante a preocupante situación na que se atopa o galego tras os últimos 5 anos negros”, subliñou Besteiro.