Deputación de Lugo

Maiores do Incio rexistran hoxe as súas lembranzas en Internet co Memoria Dixital Tic-Tac

- López Izquierdo e Laura Celeiro manterán esta tarde no Incio un encontro cos participantes no programa da Deputación que fomenta o envellecemento activo co emprego das novas tecnoloxías- Farán un rexistro audiovisual da memoria con pequenos relatos e anécdotas. Serán entrevistadores ou cámaras. Enviarán e publicarán todo o material en Internet - Memoria Dixital Tic-Tac está aberto a asociacións e centros de maiores dos Concellos. Os interesados en participar poder facelo chamando ao 982 254 666

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, manterán esta tarde, ás 18:00 horas, un encontro cos participantes deste municipio en Memoria Dixital Tic-Tac. É un dos programas gratuítos que ofrece o organismo provincial a maiores de 55 anos de todos os Concellos da provincia co obxectivo de fomentar o envellecemento activo co emprego das novas tecnoloxías.

Consta de 9 talleres, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro nos municipios. Está aberto a asociacións e centros de maiores de todos os Concellos, agás o da capital. Os interesados en participar poderán facelo chamando ao 982 254 666.

No Incio, os participantes en Memoria Dixital Tic-Tac farán un rexistro audiovisual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas. Serán entrevistadores ou cámaras, e enviarán o material a través da Internet. Este publicarase, ademais, nunha páxina web para que todo o mundo teña acceso ás historias e recordos de toda unha xeración.

Memoria Dixital Tic-Tac enmárcanse na programación de actividades para maiores que impulsa a Deputación a través do Centro de Innovación Social Inlugo, financiada nun 80% pola Unión Europea, posto que se inclúe no programa tecnolóxico InnovaTE.