Deputación de Lugo

Véndete para emprender! amosa en Cervo que a seguridade nun mesmo é clave na busca de emprego

- Lara Méndez inaugurou a xornada gratuíta, organizada pola institución provincial coa colaboración do Instituto Marqués de Sargadelos e o propio coach García Rey, que reuniu a máis de 70 persoas na aula de usos múltiples deste centro educativo- O encontro, dirixido principalmente ao alumnado de 2º de bacharelato e ciclo superior deste instituto e do de Xove, amosoulle aos asistentes o valor das propias ideas, como xestionar os medos ou a importancia dunha marca persoal

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, inaugurou este mércores na aula de usos múltiples do Instituto Marqués de Sargadelos a xornada gratuíta Véndete para emprender!, impartida por Felipe García Rey, “coach” profesional e formador. O salón multiusos do instituto cervense quedouse pequeno para acoller ás máis de 70 persoas que participaron nesta charla motivacional, que demostrou como a seguridade nun mesmo é clave na busca de emprego. O encontro foi organizado pola institución provincial coa colaboración do centro educativo e o propio García Rey, tras o éxito que acadou na Deputación e no Instituto Centro Integrado Porta da Auga de Ribadeo, onde participaron máis de 200 persoas.

No acto, no que tamén estivo presente o director do Marqués de Sargadelos, Eduardo Gallo, e o presidente da Asociación de Nais e Pais de Alumnos deste instituto, Francisco Malla, Lara Méndez reiterou o “profundo compromiso que ten a Deputación de Lugo co desenvolvemento de políticas dirixidas a reactivar o mercado laboral”, lembrado algún dos programas de inserción laboral postos en marcha polo organismo porivincial, como o Pacto polo Emprego II ou o Ben Empregado.

A charla motivacional, dirixida principalmente ao alumnado de 2º de bacharelato e ciclo superior, tanto do IES Marqués de Sargadelos como do IES Illa de Sarón de Xove, desvelou as técnicas, e as aptitudes e actitudes necesarias para encarar de mellor xeito posible as entrevistas de traballo. Véndete para emprender! aposta pola seguranza nun mesmo como clave na busca de emprego, analizando para elo temas como a motivación, o valor das propias ideas, a xestión dos medos ou a creación dunha marca persoal.

García Rey, o poñente
Felipe García Rey é “coach” profesional, poñente motivacional, formador e un dos primeiros profesionais acreditados en España para o uso de técnicas de dinámicas de alto risco. Articulista habitual e membro do comité de redacción do Observatorio Europeo de Coaching, formouse sobre habilidades directivas, desenvolvemento profesional e persoal, liderado ou xestión do tempo. Ademais, é membro e colaborador de AECOP (Asociación Española de Coaching y Consultoría de Procesos); ASNIE (Asociación Nacional de Inteligencia Emocional) e mentor da Fundación Barrié.