Deputación de Lugo

A Deputación achega a Paradela un novo investimento de 60.000 euros para a compra dun camión do lixo

- López Izquierdo avanzou que a Xunta de Goberno do venres aprobará esta axuda coa que Paradela substituirá o actual vehículo, que se atopa obsoleto e xera custos por reparacións - A Deputada remarcou a importancia deste investimento para a prestación dun servizo imprescindible aos 2.000 veciños de Paradela, posto que o Concello conta cun único camión que recolle o lixo nas súas 18 parroquias, distribuídas en 120 quilómetros

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, avanzou este martes que o organismo provincial achega a Paradela un novo investimento de 60.000 euros para a compra dun camión do lixo. López Izquierdo adiantou que a Xunta de Goberno Provincial do venres aprobará esta axuda, que se enmarca na aposta pola máxima cooperación cos Concellos para a mellora dos servizos públicos municipais aos veciños.

O novo vehículo substituirá o actual, que se atopa obsoleto e está a xerar custos ao municipio debido ás continuas reparacións, precisou a Deputada. López Izquierdo remarcou a importancia deste novo investimento do organismo provincial para garantir a prestación dun servizo fundamental para 2.000 veciños de Paradela, posto que o Concello conta cun único camión para a recollida de lixo nas súas 18 parroquias, distribuídas en 120 quilómetros. Traballa practicamente todos os días e descarga o lixo en Sarria.

Outros investimentos da Deputación en Paradela para a mellora dos servizos públicos municipais aos veciños son, por exemplo, os 500.000 euros en prestacións tecnolóxicas a través do Innova-TE. Este orzamento permitiu implantar a administración electrónica e a factura electrónica, así como dotar ao Consistorio de novo equipamento e ofrecer formación aos traballadores da entidade local, precisamente, para o emprego destes sistemas. Tamén serviu para que a Casa Consistorial conte hoxe cunha banda longa de 2 megas e que a praza pública sexa wifi con acceso libre e gratuíto á Rede.

Máis investimentos
400.000 euros en melloras de vías municipais. Con este investimento, a Deputación liquidou a histórica débeda do canon con Paradela, aínda que non contaba con sentenza favorable. Esta inxección económica fixo posible o acondicionamento de ducias de accesos a núcleos rurais como, por exemplo, en Sesmonde, Vilabite, de Corte ao cruce de Pacios, Bacorelle-Vilachá, Cerxedo-Zouro-Matanza, Riocabo da Cima, San Martín de Castro, Delle, Valmigallo, Cubela, Cortiñas de Barán a Monte de Lagüela e ao límite municipal de Sarria, Ferreiro, Tellada, Pedreira ou en Loio. 

Melloras nas traídas de auga, como as realizadas en Paredes de abaixo, Barán, San Pedro, Outeiro e Cadeiras, pavimentacións como a de Aldosende ou rehabilitacións de vías públicas como en Zouro ou Matanza, son outras das actuacións que financiou a Deputación en Paradela mediante programa como o POS ou o plan de impulso ao rural.

Máis exemplos de investimentos da Deputación en Paradela son os 46.000 euros que achegou para o acondicionamento da Casa Reitoral de San Facundo de Ribas de Miño. Grazas a esta axuda, que supuxo o 95% do orzamento total das obras realizadas, o complexo situado nos bancais do Miño conta dende agora cun moderno restaurante, así como con renovadas dotacións sanitarias.