Deputación de Lugo

O CD Lugo valorará os proxectos deportivos presentados para o clube

Imaxe deputación de lugo
- A Comisión Técnica reunida hoxe abriu os sobres e deu conta dos aspectos obxectivos das dúas ofertas presentadas, acordando propoñer que sexa o CD Lugo o que informe sobre o proxecto deportivo de ambas- O CD Lugo conta cun prazo de dez días para remitir a súa valoración de xeito que, previsiblemente, a finais de mes a Comisión poderá facer unha proposta de adxudicación

A Comisión Técnica encargada do proceso de enaxenación de accións do CD Lugo reuniuse hoxe para valorar as dúas ofertas polo paquete de 150.000 accións, atendendo a tres criterios establecidos nas bases reguladoras do procedemento de concurso: o prezo ofertado, o número de accións obxecto de compra e o proxecto deportivo.

Unha vez abertos os sobres en sesión pública, os técnicos procederon á apertura e deron conta dos criterios obxectivos, isto é, o número de accións e o prezo ofertado.

En relación co terceiro dos criterios -o proxecto deportivo-, e tendo en conta o seu carácter subxectivo, a Comisión acordou propoñer que sexa o propio Clube Deportivo Lugo o que informe dos dous proxectos, tendo en conta os criterios establecidos nas bases reguladoras do proceso: o compromiso de permanencia no accionariado; o compromiso de participación de forma directa do licitador nos órganos de xestión do clube e o propio proxecto deportivo.

Para iso, a Comisión outorga un prazo de dez días ao órgano correspondente do CD Lugo nos que este deberá remitir a súa valoración de ambos proxectos.

Deste xeito, previsiblemente, a finais deste mes, a Comisión poderá facer finalmente unha proposta de adxudicación destas 150.000 accións, 90.000 propiedade de Deputación e 60.000 do Concello que suporá a saída definitiva de ambas administracións do accionariado do clube de fútbol lugués.