Deputación de Lugo

Activada a 1ª App en España na que os gandeiros de leite poden consultar datos sobre a produción das súas reses

- Deputación e AFRICOR-LUGO puxeron en marcha a aplicación informática, na que, ademais de información xeral sobre o sector, os produtores acceden en tempo real aos resultados do control leiteiro e a consellos de reprodución para a mellora xenética - A ferramenta tecnolóxica, que os gandeiros poden utilizar aínda sen cobertura de Internet, facilita a xestión das explotacións e aumenta a súa competitividade- A Vicepresidenta subliñou que esta nova colaboración con AFRICOR-LUGO responde “ao noso obxectivo de aproveitar todas as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para o impulso dun sector estratéxico para a provincia como o leiteiro”

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o presidente de AFRICOR-LUGO, José Carlos Vega Rodríguez, presentaron este xoves na SAT Os Foros da Pastoriza a 1ª aplicación para dispositivos móbiles activada en España que permite aos gandeiros de leite consultar datos sobre a produción das súas reses, o que facilita a xestión das explotacións e aumenta deste xeito a súa competitividade. O organismo provincial fixo posible esta nova ferramenta informática cunha achega de 6.000 euros, máis da metade do orzamento necesario para sacala adiante.
A app ten dúas seccións. Un apartado de acceso público, no que calquera usuario pode acceder a información xeral sobre o sector leiteiro de Galicia (novas, normativas, axudas...), así como de animais en venda, o que contribúe a dinamizar a compra venda de reses criadas na provincia, valorizando a recría feita na comunidade. No outro apartado, os 1.700 socios de AFRICOR-LUGO poden acceder en tempo real aos resultados do control leiteiro e a consellos de reprodución co fin de mellorar a xenética e evitar a consanguinidade. Para elo, o gandeiro tan só ten que introducir os últimos catro números do crotal que levan as vacas na orella.
Unha das vantaxes da app, que será presentada mañá nas VIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por AFRICOR, é que os gandeiros poden ver os datos dos seus animais comodamente a través do teléfono móbil en calquera lugar, aínda non tendo cobertura de Internet, xa que unha vez cargados na memoria do dispositivo, poden consultarse sen conexión. A aplicación xa se pode descargar de maneira gratuíta no móbil, para o que hai que entrar en Apple Store, no caso de dispositivos de tecnoloxía Apple, ou en Google Play, no caso dos Android. Tamén está dispoñible na tenda de Microsoft para poder utilizala nas tablets que levan sistema operativo Windows, dado que o seu uso está moi estendido.
As TIC ao servizo dos gandeiros
Méndez subliñou que esta nova colaboración con AFRICOR, a asociación de control leiteiro sen ánimo de lucro máis grande de España, responde ao “noso apoio permanente aos gandeiros” e tamén a “un dos obxectivos fundamentais nos que levamos traballando nos últimos oito anos: aproveitar todas as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para o impulso dun sector estratéxico na nosa provincia como o leiteiro”. “En Lugo producimos case a metade do leite de Galicia e a nosa provincia ingresa uns 230 millóns de euros ao ano soamente coa venda de leite”, destacou.
Nesta mesma liña de apoiar ao sector agrogandeiro, a Vicepresidenta situou a construción do primeiro centro público de gando vacún de España, que abrirá este ano na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, e suporá un avance na mellora xenética e da recría. As instalacións duplicarán a capacidade actual existente en Galicia con 3.000 novas prazas, aforrando cartos aos gandeiros e dinamizando a economía da provincia.
Lara Méndez destacou tamén o plan de impulso ao sector primario e ao rural que vén de poñer en marcha a Deputación, dotado con 2,2 millóns de euros, e que inclúe liñas de axuda para a recuperación de terras abandonadas, peche de viñedos, instalación e mellora de invernadoiros, pesca de baixura, traídas de auga, centros sociais, e arranxo e sinalización de camiños e outros servizos de uso comunitario.
Por outra banda, a Vicepresidenta puxo en valor a posición “de vangarda” que sempre tivo AFRICOR no uso das novas tecnoloxías. “Mentres noutras provincias españolas, os datos do control leiteiro aínda se manexan en papel ou como moito en PDAs, en Lugo xa fai 10 anos que se utilizan medios dixitais, primeiro mensaxes de móbil e agora Internet”.
Neste mesmo senso incidiu o Presidente de AFRICOR-LUGO, quen cualificou a posta en marcha desta App como “un avance moi práctico de cara ao traballo diario dos gandeiros e ao acceso aos seus datos”, e Manuel Legaspy, un dos socios da SAT Os Foros, que destacou a importancia desta aplicación que “nos permite obter os datos en tempo real”.
Por outra banda, Primitivo Iglesias, Alcalde da Pastoriza, manifestou a súa satisfacción “porque A Pastoriza sexa un Concello punteiro non só na produción leiteira senón na incorporación das novas tecnoloxías”. Do mesmo xeito, Iglesias agradeceu a dispoñibilidade dos gandeiros pastoricenses, “que sempre estiveron estar nos momentos punteiros do desenvolvemento”, así como a colaboración prestada pola Deputación e Africor. “Esta é a maneira de fixar poboación no medio rural”, sentenciou o Alcalde.
As 1.690 explotacións asociadas a AFRICOR-LUGO representan o 30% das existentes na provincia, que, cunhas 150.000 vacas, producen 700.000 toneladas de leite, o 70% do total de Lugo.
A SAT Os Foros, un exemplo
A presentación da App Africor Lugo tivo lugar na Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Os Foros, de Álvare, no Concello da Pastoriza, unha gandería formada por catro socios, Manuel e Pilar Legaspy Gesto, Jesús Otero Moirón e Yolanda Alba Gallo, que fusionaron as súas explotacións para ser máis competitivos e buscar unha maior rendibilidade do seu negocio. Contan cunhas 150 vacas, cunha media de produción de 13.876 quilos, unha das máis altas de Galicia. De feito, Os Foros foi a mellor gandería por media de produción da provincia de Lugo e a segunda de Galicia no ano 2013.
Esta gandería colaborou o pasado ano nun programa de probas xenómicas que foi posible grazas a un convenio asinado entre a Deputación e AFRICOR-LUGO co fin de poñer en valor esta técnica que permite, a partir dunha mostra de ADN do animal, ter unha estimación moi precisa do seu valor xenético. Con esta información, o gandeiro pode detectar que animais son os que poden transmitir á súa descendencia o maior potencial de produción de leite, calidade, lonxevidade ou resistencia ás enfermidades.

Así, un dos animais desta gandería pastoricense, grazas a esta técnica novidosa, conseguiu situarse entre as 25 mellores vacas de España por índices xenéticos. Trátase de Foros Gerard Minga, unha vaca de dous partos, nacida en xaneiro de 2011, con máis de 15.400 quilos de leite producidos no seu primeiro parto. O seu índice xenético é de 3.494 puntos.