Deputación de Lugo

Aspnais poderá duplicar as súas prazas e traballadores grazas á cesión do San José

- Gómez Besteiro e Reigosa García asinaron hoxe o convenio da cesión gratuíta do hospital durante un prazo de 50 anos, nun acto no que participaron ducias de familias - Aspnais gana un espazo de 10.000 m2, que lle permite ampliar a súa capacidade ata acadar un mínimo de 65 prazas residenciais, se a Xunta se implica e decide concertalas - O Presidente da Deputación subliñou a “forte vocación social e pública” deste proxecto, grazas ao que, segundo destacou José Reigosa, “agora ningún dos usuarios, nin dos futuros usuarios, se verán obrigados a irse do centro por falta de espazo”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente de  Aspnais, José Reigosa García, asinaron este sábado o convenio da cesión gratuíta do antigo hospital San José durante un prazo de 50 anos, que permitirá a esta asociación lucense de axuda a persoas con discapacidade intelectual duplicar as súas prazas e traballadores. Gómez Besteiro entregou a Reigosa García as chaves do inmoble nun acto celebrado no salón de actos de Aspnais, no que participaron ducias de familias, ademais da Vicepresidenta Segunda da institución provincial, Lara Méndez.

Na actualidade, Aspnais atende a 137 persoas de 22 Concellos da provincia e dá traballo a outras 49 para a prestación dos servizos de residencia, centro de día e centro ocupacional nas instalacións da Rampa de Claudio López e do polígono da Louzaneta, na capital luguesa, que suman 5.000 m2. Este espazo é insuficiente para facer fronte a súa demanda posto que, aínda cos seus esforzos, conta cunha listaxe de espera de 30 persoas.

A cesión do San José, onde este colectivo unificará todos os servizos, pon fin a este problema, xa que lle permite dispoñer dunha superficie útil de 10.000 m2 só co edificio, é dicir, sen ter en conta a súa contorna. Con este novo espazo, Aspnais poderá chegar ás 250 prazas, das que un mínimo de 65 serán residenciais, feito que conlevará a contratación do dobre de persoal. Para que isto sexa posible é imprescindible a colaboración da Xunta de Galicia coa concertación de prazas, algo que non ocorre dende hai 5 anos e que demandou públicamente José Reigosa.

Gómez Besteiro subliñou a “forte vocación social e pública” deste proxecto, engadindo que, fronte a “políticas curtopracitas”, a decisión de cederlle o San José a este colectivo, “é unha decisión non só de presente, senón de futuro, cun retorno social que non ten prezo”.

A asociación xa está a ultimar o proxecto de rehabilitación do edificio. O aparcamento de vehículos seguirá aberto ata que comecen as obras, que Aspnais prevé iniciar neste mesmo ano, unha vez obtidos os permisos legais. O plan de seguridade do proxecto determinará despois se é compatible manter aberto o estacionamento coa execución dos traballos.

Fin público e social
O Presidente provincial destacou que para a reutilización do San José “conxugamos dúas decisións: poñer en valor o patrimonio provincial, o que é de todos, porque non queremos edificios públicos abandonados, e darlle un fin público e social”.

A Deputación abriu este proceso a todas as entidades sen ánimo de lucro, declaradas de utilidade pública ou interese social, que estivesen interesadas no aproveitamento do San José para o desenvolvemento de súa actividade, valorando, positivamente, a maior ocupación do inmoble, pero sen excluir as propostas para o uso parcial. “Hoxe sodes moitos os colectivos con necesidades que estades a facer un gran traballo na provincia. Cando abrimos este proceso a todos eles, resultou beneficiada Aspnais, posto que fostes capaces de presentar un proxecto social e ambicioso para toda a provincia, que ademais contemplaba a recuperación integral do antigo San José”, indicou Besteiro.

O Presidente destacou así mesmo o papel do Alcalde lucense nesta iniciativa: “Sempre  apoiou o proxecto e así o quero poñer en valor publicamente”.

Pola súa banda, o Presidente de Aspnais mostrou o seu agradecemento á Deputación, “pero especialmente ao Presidente e á Vicepresidenta Segunda, que aguantaron a presión para que este proxecto fora posible, xa que non todas as forzas estaban de acordo con isto. Por iso, grazas, grazas e moitas grazas”. “Agora, ningún dos usuarios de Aspnais, nin futuros usuarios, se verán obrigados a irse do centro por falta de espazo”, recalcou José Reigosa, quen dixo agardar que a actitude da Xunta cambie, pois “fai cinco anos que non nos concerta unha praza nova”.

O Presidente de Aspnais puxo en valor así mesmo o traballo da presidenta de honra do colectivo, Conchita Pintos, tralo que houbo un forte aplauso dos presentes.

Aspnais foi creada en 1966 por un grupo de pais co fin de cubrir as necesidades especiais dos seus fillos. Hoxe é a asociación de axuda a persoas con discapacidade coa maior traxectoria de Lugo. Ademais de residencia para adultos, dispón de centros nos que ofrece talleres de lavandería, xardinería, carpintería, cerámica, envasados ou actividades creativas.

Posta en valor do patrimonio
A Deputación levaba anos traballando nunha saída viable para o antigo hospital de San José, que fose vantaxosa para a cidadanía. Xa no 2011 e coa colaboración do Concello de Lugo, tentou incluír o edificio na Rede Nacional de Paradores de España pero, malia a positiva valoración do complexo polos responsables da Rede, finalmente non presentaron oferta, xustificándoo coa súa situación económica.

A reutilización do San José con fins sociais é un paso máis do actual Goberno Provincial da Deputación na posta en valor do patrimonio público. Son exemplo disto a cesión da gardería do Campus a Raiolas para situar nela o primeiro centro de formación na provincia para maiores de 16 anos con autismo, a construción da nova sede da UNED no antigo Hotel Miño ou a transformación do Pazo de Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural.