Deputación de Lugo

A Deputación creará un banco de recordos audiovisual dos maiores da provincia co programa Memoria Dixital Tic-Tac

-Álvaro Santos inaugura na residencia Carlos IV de Outeiro de Rei este proxecto, xestionado pola Fundación TIC, que se desenvolverá ata o 28 de febreiro -Memoria Dixital consta de 9 talleres nos que os propios maiores gravarán cunha tabet as súas historias e recordos, que se publicarán nunha web creada para a ocasión - Está destinado aos maiores de todos os Concellos da provincia, agás os de Lugo capital, que poden apuntarse no número de teléfono 982 254 666

A Deputación, a través da Fundación TIC, pon en marcha un novo programa destinado aos maiores de 55 anos da nosa provincia: Memoria Dixital Tic-Tac, un rexistro audiovisual de parte da nosa historia a través dos testemuños das persoas que participen na iniciativa. O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Patrono da Fundación, Álvaro Santos, que inaugurou o proxecto este xoves na residencia Carlos IV de Outeiro de Rei, dixo que “crearemos un banco de recordos no que poder gardar as vivencias do nosos maiores en internet. Todo o material obtido publicarase nunha páxina web especialmente deseñada para a ocasión, permitindo así que todos teñamos acceso ás historias e recordos dunha xeración que ten moito que contar”.

Un dobre obxectivo
Santos avanzou que “serán os propios maiores os que graven cunha tablet pequenos vídeos onde poderán contar como foi a súa nenez, a súa vida no rural, as festas de hai anos, como se vestían ou moceaban”. Deste xeito, cúmprese un dobre obxectivo: por unha banda, facer un rexistro individual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas e, por outra, introducir a este colectivo no mundo das novas tecnoloxías, facilitándolles o acceso directo a unha tablet  para que aprendan a manexala nos seus aspectos máis básicos.

Como participar
Memoria Dixital Tic-Tac consta de 9 talleres, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as comarcas da provincia. Está aberto a asociacións e centros de maiores e aos veciños de todos os Concellos da provincia, agás os de Lugo capital, que desexen participar. Os interesados poden apuntarse chamando o número de teléfono 982 254 666. O segundo taller desenvolverase mañá na Casa da Cultura de Portomarín cos membros da asociación de xubilados deste municipio.

Este programa, xunto a outros como Sempre en Activo ou Nutretic, está incluído na acutuación “Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia”, que xestiona a Fundación TIC a través do Centro de Innovación Social InLugo no marco Innova-TE2, financiado nun 80% con fondos europeos.

Sinxelo e entretido
Grazas ás novas tecnoloxías todo o proceso para crear este banco de recordos será moi sinxelo. Nunhas xornadas entretidas, os maiores serán os protagonistas absolutos: desde o que desexe contar unha historia, ao que queira ser entrevistador  ou o cámara, ata a persoa que envíe o material por internet. Axudaráselles a realizar todas as actividades.