Deputación de Lugo

“Só 1 de 3 infartados lucenses recibe atención en menos de 120 minutos”, segundo o cardiólogo González Juanatey

- O Xefe de Cardioloxía do HULA destacou a trascendencia de atender rapidamente as doenzas cardíacas que, cunha 34%, son a principal causa de mortandade na provincia -Juanatey aclarou que o único custo que suporía ter en Lugo Hemodinámica 24 horas sería o de ter un especialista máis, “custo perfectamente asumible” pola administración competente - No coloquio, Manuel Martínez denunciou que a Xunta “condena aos veciños da Montaña a morrer”, e anunciou que representantes políticos da Comarca estudan recurrir á vía xudicial para reclamar estes servizos ao Goberno de Núñez Feijóo

As doenzas de corazón son a causa do 34% das mortes que se producen cada ano na provincia de Lugo. Esta estatística podería reducirse significativamente se o paciente fóra atendido de xeito precoz, isto é, en menos de 120 minutos. Algo que só ocorre en 1 de cada 3 casos de infartados lucenses. Así o destacou o cardiólogo Carlos González Juanatey, Xefe do Servizo de Cardioloxía do HULA, durante a charla-coloquio que se celebrou hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, O corazón dos lucenses, no acto máis multitudinario que se recorda nos últimos anos na Deputación.

O prestixioso cardiólogo González Juanatey destacou que unha Sala de Hemodinámica 24 horas no HULA tería “un impacto” indubidable na redución do índice de mortandade dos infartados, o 60% dos cales aínda teñen que ser atendidos na Coruña. Ademais, o custo deste funcionamento continuo sería “perfectamente asumible” por parte da Administración autonómica. Esta situación está a marxinar ás provincias de Lugo e Ourense con respecto ás outras galegas nas que só funcionan as salas de hemodinámica en horario de mañá. Por iso: “fai falta Hemodinámica as 24 horas”, afirmou Juanatey.

De feito, o único custo que suporía contar con Hemodinámica funcionando 24 horas só sería o de contar cun só hemodinamista máis. Este funcionamento continua marcaría a diferencia entre unha boa atención e unha atención “óptima”, subliñou o doutor.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do presidente da Federación Veciñal lucense, Jesús Vázquez, abriu o acto agradecendo ao doutor González Juanatey “ter sido dos primeiros, senón o primeiro, en alertar, hai xa máis dunha década, da necesidade de que a provincia de Lugo contara cunha Unidade de Hemodinámica”, cando tomou parte no deseño da futura área de Cardioloxía do HULA. Besteiro destacou, ademais, que foi este doutor quen “con esta reclamación, iniciou unha senda que logo seguirían outros moitos profesionais médicos”.

O acto foi un rotundo éxito, rexistrando unha entrada sen precedentes, con centos de persoas que non puideron acceder ao Salón de Actos, no que pronto se esgotaron as preto de 200 localidades existentes, e seguiron o acto de pé dende os pasillos de acceso ao Salón.

Reclamación xudicial ao Goberno de Feijóo
No coloquio, foron moitos os asistentes que tomaron a palabra como o Deputado provincial e Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. No caso da Montaña é practicamente imposible que se poda atender un infarto en menos de 120 minutos. “Se un veciño de Lugo ten grave risco de non chegar a tempo á Coruña para ser tratado, un da Montaña moitísimo peor. Esta Xunta condénanos a morrer”.

De feito, Martínez anunciou que “representantes políticos da Montaña luguesa estamos estudando a vía xudicial para demandar á Xunta e reclamar servizos sanitarios iguais aos do resto dos galegos” pola grave discriminación á que está a someter o Goberno de Feijóo á Comarca.