Deputación de Lugo

O Contencioso-administrativo dá a razón á Deputación fronte aos recursos de Teixido por terceira vez

- Manuel Martínez deu conta da sentenza que inadmite o recurso presentado polo rexedor de Guitiriz contra no caso do cadro eléctrico da rúa Deputación polo incumprimento das esixencias legais para interpoñelo - O voceiro provincial socialista lamentou novamente a actitude de Teixido, quen insiste en “bloquear todas e cada unha das actuacións ou investimentos da Deputación”, coma no caso do centro de día con residencia pública que a Deputación quere construír en Guitiriz - A Xunta de Goberno aprobou hoxe a contratación das obras de mellora das estradas LU-P-1701 e LU-P-2204, nos Concellos de Cospeito e Xermade, ambas incluídas no POS 2015

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, deu conta hoxe da sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo nº2 de Lugo, que inadmite a trámite o recurso presentado polo Concello de Guitiriz en relación coas actuacións levadas a cabo no cadro eléctrico da rúa Deputación.  

O xuíz conclúe que dito recurso non pode ser sequera admitido a trámite, posto que este non está lexitimado para recorrer, pois non presentou xunto coa demanda un ditame do secretario do Concello sobre a viabilidade legal da acción, requisito este esixido por Lei, ao tempo que a notificación recorrida non pode ser impugnada ao tratarse dun trámite administrativo. A sentenza obriga ao Concello, ademais, a facerse cargo das costas xudiciais.

Manuel Martínez destacou que “esta senteza supón a terceira derrota de Teixido nos Tribunais”, logo dunha senteza que lle obrigou a paralizar as obras na rúa do Mercado e outra que concluíu que Teixido cometera “fraude de lei” e “desviación de poder” por este mesmo asunto, o que “pon de manifesto a actitude irracional do Alcalde de Guitiriz, que non dubida en cometer graves infraccións con tal de satisfacer a súa obsesión por bloquear todas e cada unha das actuacións ou investimentos da Deputación”, tal e como destacou o Deputado.

Nesta liña, Martínez lamentou que este novo varapalo xudicial para Teixido deixe ver, unha vez máis, “a actitude irresponsable e de confrontación dun rexedor que xamais pensa nos veciños de Guitiriz, porque unicamente está centrado na busca sistemática do conflito permanente”, fronte a actitude do actual Goberno provincial, “que sempre tivo vontade de diálogo e consenso”.

Bloqueo sistemático
O voceiro provincial puxo como exemplo o do centro de día con residencia pública que a Deputación quere construír na Casa da Botica en Guitiriz, para o que ten apartados dende hai máis de 3 anos 1,2 millóns de euros. Esta é unha das dotacións sociais incluída nesta rede pública de centros para maiores da Deputación. O organismo provincial leva tempo desenvolvendo este proxecto social coa implicación de Concellos de todas as cores políticas.

O voceiro socialista desexou que “este novo varapalo xudicial sirva para que Teixido sexa capaz de darse conta de que, de non desistir na súa actitude irresponsable usando ao Concello no seu beneficio persoal e deixando de lado as súas obrigas de servidor público, Guitiriz ten ante si un negro futuro”.

Outros asuntos
Na Xunta de Goberno celebrada hoxe tamén se aprobaron outros asuntos, entre eles o inicio do proceso de contratación de dúas das 69 obras incluídas no POS 2015, dotado con 1,2 millóns de euros. Son, en concreto, as destinadas á mellora das estradas LU-P-1701, de Feira do Monte a Muimenta, no Concello de Cospeito, e a LU-P- 2204, de Momán á de As Pontes a Porto Souto, no de Xermade.

No caso da estrada que discorre polo Concello de Cospeito, as obras mellorarán o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 6,000 e o 10,640, mediante o uso de aglomerado en quente, renovación da sinalización horizontal e vertical e na limpeza e reapertura de cunetas, e no caso da segunda, o tramo entre os puntos 0,000 e o 2,000, no que se realizarán as mesmas melloras. Con estas dúas obras, a Deputación continúa cumprindo coas demandas realizadas por un 15% dos 55.000 veciños que tomaron parte activa na elaboración dos Orzamentos participativos da Deputación para 2015.