Deputación de Lugo

Besteiro anuncia que a Deputación de Lugo está disposta a financiar a posta en macha de Hemodinámica 24 horas

- O Presidente subliñou que “remataron as excusas de mal pagador” e avanzou que levará unha moción ao Pleno na que a Deputación lle ofrece á Presidencia da Xunta financiar a posta en marcha no Hula do servizo de Hemodinámica 24 horas. - A Vicepresidenta Segunda remarcou que “a Conselleira de Sanidade xa non é un interlocutor válido. Feijóo debe posicionarse cos lucenses ou coa Conselleira reprobada” - Jesús Vázquez destacou que “Feijóo debe pedir perdón aos lucenses por castigar a esta provincia durante tanto tempo. Este mes cúmprense 4 anos do seu compromiso de dotar de servizos sanitarios ao Hula en 3 meses. Non telos é un capricho e castigo institucional” - Mentres a Xunta oculta os datos de mortalidade por infarto de miocardio en Galicia, o INE revelou que Lugo duplica medida estatal, posto que hai 76 mortes por cada 100.000 habitantes mentres a media estatal é de 35 mortes 

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, e o Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, Jesús Vázquez, anunciou este xoves que o grupo provincial socialista levará unha moción ao vindeiro Pleno na que a Deputación de Lugo lle ofrece á Presidencia da Xunta de Galicia financiar a posta en marcha no Hula do servizo de Hemodinámica 24 horas.

Gómez Besteiro destacou que “poñerei en coñecemento de Feijóo o acordado no Pleno. Remataron as excusas de mal pagador, ao igual que remataron as excusas para colaborar co 1º centro público de recría ou coa rede pública de residencias e centro de día nos Concellos lugueses. Seguen vixentes as reivindicacións da Deputación para dotar a Lugo de Radioterapia e Medicina Nuclear”.

Lara Méndez destacou que “a Conselleira de Sanidade xa non é un interlocutor válido. Esta proposta é para Feijóo, que debe decidir se posicionarse ao lado dos lucenses ou ben a carón da Conselleira reprobada”.

Jesús Vázquez cualificou a medida de Gómez Besteiro como “un acto de auténtica valentía e de xustiza. Asumimos a paternidade desta medida, posto que durante as Xuntanzas Participativos do Orzamento da Deputación, pedimos ao organismo provincial que fixese todo o posible para dotar a Lugo de servizos sanitarios básicos, sabendo que non é súa a competencia, xa que é da Xunta de Galicia. Fixémolo ante a negativa do Goberno galego e porque queremos que as institucións respondan”.

“Feijóo debe pedir perdóns aos lucenses”
O Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo engadiu que “este mesmo mes cúmprense 4 anos do compromiso público de Feijóo de dotar ao Hula de servizos sanitarios básicos nun prazo de 3 meses. En pouco tempo virá á provincia a celebrar algún mitin, polo que lle pedimos que pida perdón aos lucenses por castigar a esta provincia durante tanto tempo. Hai un ano Lugo nin tan sequera tiña Hemodinámica, hoxe con horario de oficina. Seguimos sendo a única provincia galega que non conta con Radioterapia e Medicina Nuclear, cando os propios profesionais aseguran que o Hula cumpre con todos os requisitos para ter estas prestacións. Non telas é un capricho e castigo institucional. Feijóo debe pedir perdón”. Jesús Vázquez apuntou que “non pararemos ata ter todos estes servizos en Lugo”, polo que avanzou a posta en marcha de novas campañas de sensibilización cidadá nas que se repartirán 10.000 banderolas e camisetas vermellas. 

Compromiso cos veciños durante os Orzamentos Participativos
A Deputación comprometeuse cos veciños durante os Orzamentos Participativos a emprender todas as medidas necesarias en defensa da dotación de servizos sanitarios na provincia. “A primeira medida foi reprobar á Conselleira de Sanidade que, co consentemento de Feijóo, negou de xeito reiterado servizos sanitarios vitais para Lugo e que teñen outras provincias galegas, menosprezando aos máis de 40.000 lucenses que impulsaron a ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego”, apuntou Besteiro.

Datos sobre mortalidade
“Este compromiso cos veciños, xunto aos reveladores datos do INE sobre mortalidade e as indubidables valoracións dos expertos, lévanos a poner en marcha esta nova medida, ofrecéndolle á Xunta financiamento para poner en marcha Hemodinámica 24 horas”, explicou o Presidente da Deputación.   

A mortalidade por infarto agudo de miocardio en Lugo duplica a media estatal. “Non son datos da Deputación, son os datos máis recentes do INE, correspondentes ao ano 2013”, destacou Besteiro. O propio INE afirma que en Lugo hai 76 mortes por cada 100.000 habitantes mentres que a media estatal é de 35 mortes. “Se analizamos os datos por provincia, é evidente que existe unha clara diferenza entre contar co servizo de hemodinámica 24 horas ou non telo nestas condicións. Por exemplo, en Pontevedra, onde o servizo é ininterrompido, prodúcense 33 mortes por cada mil habitantes, lonxe das 76 mortes en Lugo”, subliñou Besteiro.

Veto do Sergas
“A Xunta oculta os datos oficiais do SERGAS.  A Consellería de Sanidade vetoullos ata en dúas ocasións ao Valedor do Pobo, que acaba de denuncialo no seu último informe publicado a semana pasada”, engadiu o titular provincial. 

Valoracións dos expertos
O xefe de Cardioloxía do Hula, o cardiólogo Carlos González Juanatey, asegurou que unha sala de Hemodinámica 24 horas no HULA tería un impacto indubidable na redución do índice de mortalidade dos infartados en Lugo, posto que o 60% dos casos son atendidos na Coruña e só 1 de cada 3 reciben atención en menos de 120 minutos. Juanatey asegurou que o único custe que suporía contar con Hemodinámica as 24 horas só sería o de contar cun hemodinamista máis e unha enfermeira, o que suporían 100.000 euros ao ano.  E máis, con hemodinámica 24 horas en Lugo poderíanse evitar uns 100 traslados anuais, co que se aforrarría a mesma cantidade, os 100.000 euros.  Por todo isto, a Deputación de Lugo vai un paso máis alá”, destacou Gómez Besteiro.