Deputación de Lugo

O prestixioso profesor e blogueiro Enrique Dans explicará na Deputación como sacarlle o máximo partido á rede

Imaxe deputación de lugo
- Exprimiendo la red: reflexiones sobre la alfabetización digital celebrarase o día 16 de marzo ás 17:00 horas no Salón de Actos de San Marcos. A entrada é libre e gratuíta, e o acto íntegro poderá seguirse en streaming en www.deputacionlugo.gal - O prestixioso profesor e blogueiro analizará o mellor xeito de aproveitar as posibilidades que ofrecen as TIC e o mundo dixital cunha conferencia que porá punto final ao InnovaTE2: Deputación Dixital

A Deputación de Lugo porá punto final ao proxecto InnovaTE2: Deputación Dixital cunha conferencia do prestixioso profesor e blogueiro Enrique Dans. Exprimiendo la red: reflexiones sobre la alfabetización digital  é o título da charla na que este recoñecido experto no mundo dixital ofrecerá o día 16 de marzo, a partires das 17:00 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

Tras o éxito da pasada xornada, na que o recinto quedou pequeno para albergar aos asistentes ás intervencións do alcalde de Jun, José Antonio Rodríguez; dos responsables de Yo fui a EGB, Javier Ikaz e Jorge Díaz, e o popular coach Alfonso Alcántara, Dans será o encargado de pechar este proxecto abordando as novas canles de busca, organización e intercambio de información ou os novos medios de expresión e relación que as novas tecnoloxías e a rede teñen incorporado ao día a día de persoas de todo o mundo involucrándoas de xeito directo e activo nestes procesos.

A asistencia á conferencia é totalmente gratuíta e libre ata completar aforo. Todos os interesados que finalmente non poidan acceder ao Salón de Actos poderán seguir a conferencia íntegra e en tempo real, en streaming, a través da web www.deputacionlugo.gal, grazas ao traballo da Fundación TIC.

Curriculum
Enrique Dans, licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente exerce de profesor de Sistemas de Información na prestixiosa IE Business School dende o ano 1990, materia esta na que está doutorado pola Universidade de California en Los Ángeles (UCLA).

Xunto coa súa labor docente, Dans exerce de asesor tanto para compañías como para startups, en medios de comunicación en temas relacionados coa rede e a tecnoloxía. Enrique Dans destaca, ademais, como blogueiro: enriquedans.com, o eu blog persoal é un dos máis populares en lingua española en todo o mundo, rexistrando máis de 230.000 seguidores habituais.

Cofinanciado con fondos europeos
Esta conferencia pon punto final ao Innova-TE2: Deputación Dixital, o programa tecnolóxico da Deputación, financiado nun 80% pola Unión Europea, a través do cal o organismo provincial lugués puxo en marcha diferentes iniciativas de impulso e consolidación das TICs entre diferentes sectores da sociedade lucense, entre as que destacaron polo seu rotundo éxito aquelas destinadas aos maiores de 55 ou ao tecido empresarial da provincia.