Deputación de Lugo

A Deputación acollerá a presentación oficial de Chrysallis Galicia

Imaxe deputación de lugo
- A Asociación de Familias de Menores Transexuais dará a coñecer a realidade dos rapaces e das súas familias nun acto que se celebrará este xoves ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos- A xornada incluirá as ponencias (Tran)sexualidade. Un fenómeno de diversidad, e A realidade da transexualidade infantil en Galicia, así como a proxección de Deseos, spot realizado pola Fundación TIC

A Deputación de Lugo acollerá a presentación oficial de Chrysallis Galicia, Asociación de Familias de Menores Transexuales, nun acto que terá lugar este xoves a partires das 19:30 horas no Salón de Actos de San Marcos.

Chrysallis Galicia naceu o pasado 28 de febreiro e está integrada na actualidade por 10 familias e varios afiliados. Entre os seus obxectivos están a visibilización e a normalización da transexualidade infantil, así como a súa despatoloxización –actualmente a chamada disforia de xénero aínda está recollida nos manuais de diagnose psiquiátrica-, a través de charlas informativas, mesas de debate e a elaboración de guías e protocolos.

A xornada incluirá a celebración de dúas ponencias. A primeira destas será (Tran)sexualidad. Un fenómeno de diversidad, que ofrecerá a sexóloga Almudena Herranz, profesora do Máster en Sexología da Universidade de Alcalá de Henares e directora do centro de sexoloxía INCISEX de Madrid. A segunda, A realidade da transexualidade infantil en Galicia, estará a cargo de Cristina Palacios, presidenta de Chrysallis Galicia e nai de Sara, a primeira menor galega que mudou o seu nome coa autorización dun xuíz. Palacios describirá cal é o día a día dos menores transexuais na Comunidade galega.

Para finalizar o acto proxectarase o spot Deseos, realizado pola Fundación TIC en apoio a esta asociación e que conta coa colaboración de rostros coñecidos do panorama español, como Mario Vaquerizo.

A asistencia é gratuíta e aberta á participación de todos os interesados en coñecer un pouco máis a realidade da transexualidade infantil en Galicia, malia que esta resultará de especial interese para profesionais da educación, da sanidade, dos servizos sociais ou do sistema xudicial.