Deputación de Lugo

A Deputación abre os prazos de matrícula para estudar en Lugo e captar aos mellores expedientes

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial, en colaboración coa USC, ofrece bolsas coas que a Deputación asume o 50% dos custes de matrícula das persoas que estuden por vez primeira nas titulacións con menos demanda no Campus lugués-A Deputación ofrece tamén o programa O Teu esforzo ten premio en Lugo, dotado con 130.000 euros e que sufraga o 100% da matrícula dos 90 mellores expedientes galegos de BAC e FP que estuden no Campus de Lugo- Premia tamén aos 45 mellores estudantes universitarios que se gradúen no Campus e decidan cursar o máster na cidade amurallada, asumindo o custe íntegro da matrícula

Aberto o prazo de inscrición do programa de matriculación para estudar en Lugo co que a Deputación de Lugo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, busca aumentar alumnado no Campus lugués e atraer e premiar aos mellores expedientes.

Dentro deste plan inclúense, por unha banda, o programa de bolsas de matrícula, posto en marcha o ano pasado e dotado con 500.000, co que o organismo provincial asume o 50 % dos custes da matrícula das persoas que se matriculen por vez primeira nalgunha das titulacións do Campus de Lugo. Por outra, o programa O teu esforzo ten premio en Lugo, dotado con 130.000 euros e co que a Deputación sufraga a matrícula dos 90 mellores expedientes galegos de Bacharelato e Formación Profesional que se matriculen no Campus de Lugo, así como as dos 45 mellores graduados que cursen un máster na cidade lucense.

A Vicepresidenta Segunda en funcións, Lara Méndez, valorou que “ a Deputación ten un alto compromiso co Campus de Lugo, non como outras administracións que o único compromiso que teñen é verbal e que non se materializa nin con feitos nin con orzamento. Sen presuposto non pode haber campus”. Méndez destacou que “a Deputación teno claro, de aí o convenio de mais 500.000 euros asinado coa USC para combater as dificultades que atravesa o noso campus, dificultades que outras administracións, que son as que teñen as competencias, non solucionan”. Nesta liña a Vicepresidenta Segunda en funcións valorou que o organismo provincial asume estas competencias para impulsar o campus pois “beneficia ao desenvolvemento educativo, pero tamén oo económico da cidade e da provincia”.

Requisitos e documentación
Descontos do 50% da matricula:
So é necesario acceder á páxina web da USC, seleccionar a ligazón coa matricula e formalizar o proceso. No momento de pagar, xa se descontará de xeito automático o 50% do importe da matrícula. Pódese optar por estudar na rama de Enxeñaría e Arquitectura, de Humanidades, de Ciencias Sociais, de Ciencias e por suposto da rama de Ciencias da Saúde. Neste curso, a oferta de Lugo vese mellorada grazas á colaboración da Deputación de Lugo, que vai axudar asumindo o 50% do prezo da matrícula dos seguintes graos: Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Enxeñaría Civil; Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Lingua e Literatura Españolas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Xestión de Pequenas e Medianas Empresas e Administración e Dirección de Empresas.

O teu esforzo ten premio en Lugo:
Poderán optar a este premios:
- Alumnos galegos que teñen unha media no expediente académico igual ou superior a 8.
- Alumnos galegos que teñan cursado e superado as titulacións de Grao do Campus de Lugo nos cursos 2013-2014 e 2014-2015.
- Alumnos galegos que teñan superada a titulación nos anos previstos no correspondente plan de estudos.

Documentación a presentar:
- O impreso oficial de solicitude, debidamente asinado que aparece no Boletín Oficial da Provincia do sábado, 30 de maio.
- Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais do alumno

A documentación necesaria pode presentarse persoalmente no rexistro da Deputación, en horario de 9 a 14 horas de luns a venres e de 10 a 14 horas os sábados; ou ben mediante envío por mensaxeiría; así como nos de outras dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro.

O prazo de inscrición para desfrutar deste novidoso plan está aberto ata a vindeiro 30 de xullo. Máis información na páxina web www.deputacionlugo.gal e nos teléfonos da Universidade: 881 812 000, 982 820 532 ou 881 811 000.