Deputación de Lugo

A web do servizo de Cardioloxía do Hula recibe o Premio #INLUGO, na categoría de Educación e Formación

- Aparte deste recoñecemento a Juanatey e ao seu equipo, tamén foron premiados Teafortwo, na categoría de Comercio, Ocio e Restauración; Don’t be a foreigner, na de Cultura e Acción Social; e Cilenis, na de Tecnoloxía.- Gómez Besteiro destacou que “con estes galardóns, queremos recoñecer a labor de divulgación dos vosos proxectos así como o aproveitamento das ferramentas que nos ofrece a rede”- Os gañadores recibiron, ademais do merecido recoñecemento do xurado e o público, unha figuriña e un iPhone 6 de 128 gb de capacidade

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro,acompañado do Alcalde de Lugo, José López Orozco, entregou este sábado os Premios #INLUGO, no marco do III Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais. Con estes galardóns, o organismo lugués recoñece iniciativas, persoas e organizacións da provincia que fan bo uso da internet, as novas tecnoloxías e as redes sociais.

Gómez Besteiro destacou durante o acto de entrega de premios que “con estes galardóns, queremos recoñecer a labor de divulgación dos vosos proxectos así como o aproveitamento das ferramentas que nos ofrece a rede” e afirmou que “internet, e os seus recursos, permítennos estar máis preto das persoas, feito que os políticos debemos valorar e recoñecer”. Pola súa banda, o Alcalde de Lugo destacou que “este tipo de iniciativas amósannos as novidades no eido tecnolóxico así como os límites que non debemos sobrepasar”.

Na edición deste ano presentáronse máis de medio cento de candidaturas, entre as que resultaron gañadoras os seguintes profesionais:

- Teafortwo, na categoría de Comercio, Ocio e Restauración, polo uso das novas tecnoloxías e as redes sociais para estar en contacto permanente e ofrecer un servizo continuo ós clientes da tenda. Comezaron a súa aventura no renovado Mercado municipal de Quiroga Ballesteros hai case dous anos e acaban de abrir o seu segundo local en Lugo, no número 98 da rúa Nova.

- O web do Servizo de Cardioloxía do HULA (www.cardiologia-lugo.com), na categoría de Educación e Formación, pola importancia da difusión de información das enfermidades cardiovasculares entre a poboación, xa que o coñecemento repercute na mellora da saúde dos cidadáns. Empregan unha linguaxe próxima e accesible, desde a firme crenza de que o paciente empoderado é actor decisivo na sostibilidade do sistema sanitario. Tamén colaboran coa formación dos médicos de atención primaria cos seus contidos. É o primeiro web dun servizo de área médica do HULA con enfoque formativo e educativo, labor que hai que agradecer ao xefe de Cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey, e o seu equipo.

- Don’t be a foreigner (www.dontbeaforeigner.com), na categoría de Cultura e Acción Social, por utilizar fundamentalmente as novas tecnoloxías para a axudar a estranxeiros a establecerse en España, facilitando o proceso de transición tanto a nivel persoal como profesional. Este verán levarán a cabo o primeiro intercambio Lugo – Charleston (Estados Unidos), grazas ao que catorce nenos poderán vivir con familias americanas. O curso que vén queren facelo á inversa.

- Cilenis (www.cilenis.com), na categoría de Tecnoloxía. É unha empresa spinoff da USC, que converte anos de investigación en tecnoloxía lingüística en software que poda utilizar todo o mundo. Destaca entre elas Linguakit.com, un portal avanzado de ferramentas lingüísticas; a versión en galego de ‘Apalabrados’, ou o primeiro teclado corrector en galego para Android (http://tecladogalegoandroid.com/). Cilenis foi recoñecida co 1º Premio de iniciativas emprendedoras da USC, ou Mención de Honra no concurso BGI organizado polo MIT. Cilenis une linguas, tecnoloxía, emprendemento e innovación, facéndoo a nivel local e internacional.