Deputación de Lugo

A Deputación promove os produtos autóctonos e a candidatura da Ribeira Sacra na 4ª Subida á Pontenova

Imaxe deputación de lugo
- Alfredo Llano entregará esta tarde os galardóns do I Trofeo Ribeira Sacra, que consisten en lotes de degustación de produtos da zona coas marcas de calidade Lugo Sabe e que forman parte de www.losproductosdelugo.com - O organismo provincial aproveita a afluencia de visitantes ao municipio para levar a súa campaña de sensibilización cidadá e recollida de sinaturas en apoio á candidatura da Ribeira Sacra, que xa reúne máis de 50.000 sinaturas

A Deputación promove os produtos autóctonos e a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade na 4ª Subida á Pontenova, que este ano estrea o I Trofeo Ribeira Sacra co patrocinio do organismo provincial. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, entregará esta tarde os galardóns, que consisten en lotes de degustación de produtos da zona, que contan coas marcas de calidade Lugo Sabe e que forman parte da 1ª plataforma de comercio electrónico da provincia: www.losproductosdelugo.com Trátase de dúas iniciativas postas en marcha pola institución luguesa con fondos europeos, con custe cero para todos os produtores e establecementos que decidiron sumarse.

O organismo provincial tamén leva hoxe á Pontenova o autobús rotulado coa Ribeira Sacra, aproveitando a afluencia de visitantes neste evento deportivo para continuar coa campaña de sensibilización e recollida de sinaturas en apoio á candidatura deste espazo natural. A Deputación repartirá material didáctico, dando conta da riqueza e recursos da Ribeira Sacra, ao tempo que leva os libros oficiais da Unesco para seguir sumando apoios.

Máis de 50.000 sinaturas
A institución luguesa iniciou en outubro do pasado ano 2013 unha campaña de recollida de sinaturas para sumar apoios á candiatura da Ribeira Sacra, sendo máis de 50.000 as persoas que asinaron nos libros oficiais da UNESCO. Un autobús rotulado coa Ribeira Sacra iniciou na capital luguesa o seu percorrido pola provincia, chegando aos 13 Concellos que forman parte deste espazo.