Deputación de Lugo

ARMESTO ACUSA A PABLO RIVERA DE TAPAR A SÚA INCOMPETENCIA COAS DECLARACIÓNS NA XESTIÓN DO PROXECTO “LUGO – PACTO PROVINCIAL POLO EMPREGO II”

Imaxe deputación de lugo
• Tilda ao deputado socialista de irresponsable pola tardanza na execución do proxecto posto que o Goberno Central deu luz verde no 2012 e non foi ata o 2014 cando Pablo Rivera aprobou a adxudicación ás empresas formadoras e comezaron os cursos• Lembra que o actual goberno atopouse con que quedaban por executar 11 accións formativas do proxecto para as que non quedaban iniciados os expedientes de contratación dos formadores polo que, conscientes da gravidade da situación, os populares priorizaron a execución deste proxecto, contrataron a un empresa formadora e puxéronse en contacto coas oficinas de emprego para contactar cos candidatos e realizar os itinerarios• Aclara que a Deputación de Lugo nunca foi premiada pola UE neste tipo de proxectos senón que foron aprobados sempre a nivel nacional polos Ministerios da Administración Xeral do Estado, contando, como moitos outros, con financiación comunitaria

Logo das declaracións do deputado , Pablo Rivera, sobre a execución do proxecto “Lugo – Pacto Provincial polo Emprego II”, o voceiro do grupo provincial popular, Carlos Armesto, acusou ao socialista de pretender tapar a súa incompetencia coas acusacións manifestadas esta mesma mañá.
Armesto fixo unha cronoloxía dos feitos e explicou que o 10 de febreiro de 2012 o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas comunicou ao anterior goberno bipartito a aprobación definitiva do proxecto “Lugo – Pacto Provincial polo Emprego II”. Un mes despois, concretamente o 7 de marzo de 2012, a Deputación foi notificada coas instrucións para desenvolver o proxecto. Engadiu o popular que non foi ata o 3 de outubro de 2014, dous anos e oito meses despois, cando se aprobou a adxudicación as empresas formadoras os itinerarios integrados de inserción socio laboral e foi o nove de decembro de 2014 comezaron os cursos, dous anos e dez meses despois da aprobación inicial do proxecto.
Insiste o voceiro popular na Deputación que esta irresponsable tardanza na execución do proxecto, de case tres anos, é sen dúbida froito de poñer ao fronte da execución do mesmo ao deputado Pablo Rivera, naquel momento persoal eventual e de confianza de José Ramón Gómez Besteiro.
“Acudir a persoal eventual, que non ten acreditada a súa capacidade para xestionar este tipo de programas é, ademais dunha ilegalidade, unha irresponsabilidade que agora estamos a pagar”- manifestou.
Armesto tamén insistiu en que o deputado Pablo Rivera, ben por ignorancia ou ben pola súa costume de faltar a verdade, falta a verdade cando di, en numerables ocasións que o goberno de Gómez Besteiro foi premiado pola Unión Europea, confundindo Madrid con Bruxelas.
“A Deputación de Lugo nunca foi premiada pola UE no que se refire a estes proxectos senón que estes foron aprobados a nivel nacional polos Ministerios da Administración Xeral do Estado, contando, como moitos outros, con financiación comunitaria”- explicou, quen engadiu que en Bruxelas, para desgracia do anterior goberno bipartito, nin os coñecen, nin os esperan, nin por suposto os premiaron.
O popular engadiu que neste estado de irresponsable de demora na execución do proxecto, “o goberno de Elena Candia atopouse con que quedaban por executar 11 accións formativas do Proxecto para as que nin tan sequera quedaban iniciados os expedientes de contratación dos formadores”. Conscientes da gravidade da situación, engadiu Armesto, “ priorizouse a execución deste proxecto, contratouse a un empresa formadora e puxémonos en contacto coas oficinas de emprego para contactar cos candidatos para a realización dos itinerarios. Dada a premura ningunha das oficinas conseguiu acadar nin tan sequera o 50% dos candidatos necesarios para poder realizar os cursos”.
O voceiro popular comprende que o deputado Pablo Rivera sinta remordementos, pero insiste en que dende o PP non lle teñen culpa polo que emprázao a que revele o nome dos 113 desempregados que reunían as características para poder facer os cursos nestas datas, e xa de paso, que detalle os 113 postos de traballo que destruímos, con datos sobre en que empresas están, que sen dubida os lucenses han de aproveitar a oferta, e nos, se dúbida, facilitarémoslles a súa contratación”- concluíu.