Deputación de Lugo

Sonsoles López participa na inauguración do curso Xestión de Infraestruturas Municipais de Saneamento e Depuración

A Deputada adianta novas liñas de axuda cos Concellos nesta materia, pois “ o Orzamento para 2016 ten prevista unha partida de 1,6 millóns de euros para o estudo de fórmulas de colaboración na recollida e na xestión de residuos municipais e novas actuacións coas que reducir gastos enerxéticos”

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, participou este martes na inauguración do Curso de Xestión de Infraestruturas municipais de saneamento e depuración, que tivo lugar na sede da Xunta de Galicia en Lugo. A xornada, que funcionará como punto de encontro entre de alcaldes, concelleiros e técnicos relacionados co ciclo da auga, servirá para pór en común as dúbidas existentes sobre este ámbito e sentar as bases para conseguir, por unha banda unha prestación de servizos de calidade e por outra, un desenvolvemento municipal equitativo entre as diferentes rexións.

López Izquierdo puxo de manifesto que “a Deputación destinará, dentro da liña de colaboración constante cos Concellos da provincia, case 1,6 millóns de euros do Orzamento de 2016 ao estudo de fórmulas de colaboración na recollida e na xestión de residuos municipal, que sexan máis económicas e ecolóxicas; así como a posta en marcha de novas actuacións coas que reducir gastos enerxéticos aos  Concellos”. 

A Deputada destacou que “a grande dispersión do territorio e da poboación que existe en Lugo e Galicia, obriga a facer un maior esforzo para estender os servizos. Dita dispersión, xunto co carácter heteroxéneo dos modelos de xestión, fai necesaria unha aposta polos modelos de xestión supramunicipal, que poderán ser coordinados, tal e como recolle a lexislación, polas Deputacións”.

Nesta liña explicou que, no contexto actual, pódense dar casos de disparidades na xestión moi importantes entre Concellos limítrofes, que se abastecen dunha mesma captación de auga; disparidades que se ven non só na cuantía da tarifa doméstica, senón tamén no modelo de xestión; nos medios técnicos dispoñibles ou no propio mantemento das instalacións.