Todo listo para situar o mobiliario da residencia e centro de día público da Deputación en Trabada
O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermudez, e o Deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández, supervisaron este mércores o remate das obras de construción da residencia e centro de día público da Deputación neste municipio da Mariña Oriental. Campos Conde adiantou que, finalizadas estas actuacións, nas que investimos 1,2 millóns de euros, o seguinte paso é equipar o centro de maiores. E temos todo listo para facelo de xeito inmediato, pois xa adquirimos o mobiliario con outros 120.000 euros provinciais. Tendo en conta o avance do conxunto dos traballos, a nosa previsión é poder pór en funcionamento estas instalacións sociais logo das da Fonsagrada e Castroverde, sempre que a Xunta de Galicia nos conceda os permisos legais imprescindibles para facelo.
A Alcaldesa agradeceu á Deputación o seu esforzo económico en impulso do benestar social dos veciños e da economía, pois o centro da terceira idade ofrecerá un total de 50 prazas (30 na residencia e 20 no centro de día), xerará un mínimo de 10 empregos directos coa contratación de persoal especializado para a atención dos maiores, ao tempo que manterá ducias de indirectos ao dinamizar a economía local. Todo isto facendo fronte ao despoboamento demográfico. Neste senso, a Rexedora agradeceu o compromiso de Darío Campos coas necesidades prioritarias de Trabada para que teñamos un rural vivo e dinámico, no que se poida vivir, traballar e ter futuro.
Reunión co Conselleiro
O Presidente lembrou que segue á espera da resposta do Conselleiro do Política Social para manter un encontro no que abordar a necesaria colaboración da Xunta de Galicia a través da concertación de prazas públicas nos centros públicos da Deputación. Non pedimos un trato especial, senón, canto menos, o mesmo que a administración autonómica ofrece a entidades privadas, ás que si concede prazas públicas. Pedimos un trato xusto para este proxecto público, tendo en conta, ademais, a necesidade de crear prazas en centros públicos da provincia, pois a Xunta non o fai dende os anos 70.
Características
A residencia e centro de día público de Trabada atópase na rúa Pousada, nos terreos que o Concello cedeu ao organismo provincial. Conta cunha superficie de 1.640 metros cadrados. O edificio distribúese en tres plantas. No soto, están ubicados os servizos de lavandería, caldeiras e a sala polivalente do centro do día. Na planta baixa, están situadas a sala de rehabilitación, a sala de actividades, a sala polivalente, dous baños asistidos, comedor, cociña e a recepción. Na 1ª planta, está o despacho médico, baño xeriátrico, 4 habitacións dobres, 6 habitacións individuais e 2 habitacións de enfermería. Na 2ª planta, hai 3 habitacións dobres e 10 habitacións individuais, todas con baño.
Ponte do Bizarro
O Presidente e a Alcaldesa de Trabada tamén supervisaron os traballos de rehabilitación que a Deputación levou a cabo na Ponte do Bizarro con 150.000 euros. Esta infraestrutura comunica ao municipio trabadés con Santirso de Ares e coa N-640, unha das estradas máis utilizadas da zona.