Deputación de Lugo

A Deputación negocia a comercialización de produtos da provincia en Cuba

- Pablo Rivera mantivo un encontro co Embaixador de Cuba en España, no que abordaron a venda de produtos lácteos e cárnicos lucenses na illa- A proposta do Deputado, que foi moi ben acollida polo Embaixador, é implicar directamente aos produtores na comercialización para incrementar os prezos que reciben polos seus produtos- O Embaixador aceptou a invitación do Deputado e virá o 1 de maio a Lugo para avanzar nas negociacións e participar na Festa Degustación da Terneira Galega de Láncara

O Deputado Provincial, Pablo Rivera Capón, mantivo un encontro co Embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez Enríquez, no que abordaron a comercialización de produtos lucenses na illa.

A proposta do Deputado foi moi ben acollida polo Embaixador, que, principalmente, está interesado na compra de derivados lácteos e cárnicos lucenses pola súa calidade; así como polos elevados custos que está a asumir Cuba pola importación desdes produtos.

Ambos os dous falaron de novas fórmulas para a comercialización directa. Neste senso, o Deputado trasladou a situación dos produtores lucenses, que teñen perdas polo baixo prezo dos seus produtos, así como excedentes, feito que permite novos mercados.

Pablo Rivera indicou que o obxectivo é implicar directamente aos produtores na comercialización dos seus produtos para incrementar os seus beneficios e potenciar os seus negocios.

Visita á provincia o 1 de maio
O Embaixador aceptou a invitación do Deputado, e visitará a provincia de Lugo o 1 de maio.

Pablo Rivera quere aproveitar a visita de Eugenio Martínez para manter un encontro con todos os axentes económicos interesados en participar na comercialización de produtos de Lugo en Cuba cunha implicación directa dos propios produtores.

O 1 de maio celébrase a Festa de Degustación da Terneira Galega de Láncara, na que participará o embaixador para coñecer de primeira man este produto.