Deputación de Lugo

Deputación e Concello acordan colaboracións en resposta ás necesidades de Monforte de Lemos

- O Presidente e o Alcalde mantiveron este xoves un encontro no Consistorio monfortino, na que foi a primeira visita institucional de Darío Campos a un Concello lugués dende que é titular provincial. “Non é unha casualidade. O mesmo día da miña toma de posesión, xa mo pediu Tomé”, apuntou - Ambas as dúas institucións colaborarán para mellorar o saneamento, desenvolver o PXOM e novas zonas urbanísticas, así como acondicionar as existentes na cidade e no rural, ademais de estudar a creación da praia fluvial - Campos e Tomé supervisaron o estado de estradas provinciais, como a LU-P-3202 de Monforte a Currelos, que a Deputación vai arranxar o vindeiro ano

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, mantiveron este xoves un encontro no Consistorio monfortino, na que foi a primeira visita institucional de Darío Campos como Presidente da institución a un Concello da provincia.

Campos Conde confesou "non é unha casualidade que a miña primeira visita institucional como Presidente da Deputación a un Concello da provincia sexa a Monforte de Lemos. Pois o mesmo día da miña toma de posesión, Tomé xa me pediu que viñese a Monforte. Foi o primeiro. En resposta as súas ganas de traballar para mellorar as prestacións públicas aos veciños, desenvolvendo o ambioso proxecto que Tomé ten para que Monforte medre como Concello e como cidade, e para o que é necesario a colaboración de todas as administracións, aquí está a Deputación para sumar. Son un defensor do municipalismo e quero axudar aos meus tocallos e, polo tanto, colaborar cos 67 municipios lucenses". Tomé Roca agradeceu ao Presidente o seu xesto, que "obecede ao compromiso de Darío de colaborar", así como "a súa receptividade as miñas peticións".

Na reunión, Campos e Tomé abordaron as necesidades de Monforte de Lemos e acordaron colaboracións para darlles respostas. O Acalde explicou que estas necesidades e colaboracións se poden establecer en cinco bloques:

1.- Mellora do saneamento, “que ten un problema grave dende hai moitos anos. Hai puntos de verquidos ao Cabe a pesares das obras de canalización que se fixeron; problemas nas depuradoras, como a de Piñeira; treitos sen capacidade; e condiciona ao polígono e ao porto seco..”, explicou Tomé.

Segundo un estudo de Augas de Galicia, a solución do saneamento pasa por obras de entre 11 e 12 millóns de euros, “un investimento que o Concello non pode asumir en solitario”, indicou o Alcalde. Isto implica a sinatura dun convenio de colaboración plurianual entre a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Monforte de Lemos. Todas as administracións, agás a Xunta de Galicia, xa trasladaron a súa disposición para colaborar. “Espero que suceda o mesmo coa Xunta. É un dos temas que quero tratar co Presidente na reunión que lle solicitei por carta. Non vou a poñer en dúbida a súa colaboración”, apuntou Tomé. A prioridade do Alcalde é iniciar estas obras o vindeiro ano para que a situación do saneamento estea resolta como moito en 6 anos, pois a Unión Europea establece que debe estalo no horizonte de 2022-2023.

2.- PXOM. “Monforte necesita ordenar o seu territorio, deseñar a cidade do futuro, recoller todas as infraestruturas que se queren levar a cabo, ampliar o polígono do Reboredo coa cualificación dos 130.000 metros cadrados cos que contamos como terreo industrial...Para todo isto, é necesario o Plan Xeral de Ordenación Municipal”. A Xunta xa comunicou ao Concello que non ía a financialo. A Deputación apoiará economicamente a Monforte, “pois un Concello non funciona sen un PXOM”, remarcou o Darío Campos.

3.- Melloras urbanísticas nas rúas da cidade e na zona rural. “Conto co apoio do Presidente para dotar de máis servizos ao conxunto de  Monforte e para facer máis atractiva a nosa cidade, cando ocupa un lugar estratéxico na Ribeira Sacra que debemos aproveitar para potenciar o turismo e, polo tanto, a economía”, salientou Tomé.

4.- Desenvolver zonas urbanísticas. “A nosa cidade, como menos de 20.000 habitantes, é tan longa como Lugo, que ten preto de 100.000. Temos bolsas de solo sen urbanizar. Hai que estudar se é posible crear novas zonas urbanísticas e ofrecer novas oportunidades económicas para facer fronte ao despoboamento que sofre o sur da nosa provincia”, subliñou o Alcalde.

5.- Praia Fluvial. “É unha histórica demanda do Concello. Vamos a estudar a súa localización á marxe do Cabe, os permisos necesarios para habilitala, os servizos cos que debe contar... A nosa vontade é levar a cabo esta iniciativa, se é posible, ao longo deste mandato”, indicou Tomé.

Estrada de Monforte a Currelos
Logo do encontro, o Presidente e o Alcalde supervisaron o estado de vías provinciais no municipios, como a LU-3202 de Monforte a Currelos que o organismo provincial vai a arranxar o vindeiro ano.