Deputación de Lugo

A Deputación súmase á manifestación Non te refuxies na resignación

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, e o Deputado de Cultura, Xosé Ferreiro, sumáronse este luns á manifestación Non te refuxies na resignación, en apoio aos milleiros de persoas que, por atoparse nunha situación de guerra, tentan entrar na Unión Europea.

Santos Ramos sinalou que “as políticas europeas de migración e asilo están a por en risco a vida de milleiros de persoas, moitas delas mulleres e nenos, convertendo ao Mediterráneo nunha das maiores “fosas comúns” do mundo, onde teñen morto máis de 25.000 persoas durante os últimos 15 anos. Ademais, no pasado mes de marzo, os lideres europeos asinaron unha declaración con Turquía que, aparte de ser ilegal, xa que se vulnera a Carta Internacional de Dereitos Humanos ou a Carta de Dereitos Fundamentais da UE entre outros, pon en risco a estas persoas ao devolvelas a Turquía, onde non se garanten o cumprimento dos dereitos humanos nin se fan cargo da protección que necesitan”.

A través desta concentración, reivindícase o cumprimento da lexislación europea e internacional, a retirada do acordo entre Turquía e a Unión Europea; a posta en marcha de vías legais e seguras para estas persoas, garantir unha acollida digna e a protección das organizacións e persoas que apoian aos refuxiados, a eliminación dos discursos xenófobas; o remate da militarización da zona ou a aposta por impulsar unha política europea e orzamentaria común que de apoio á situación dos refuxiados e migrantes.

Ademais, solicítase ao Goberno do Estado a retirada ao acordo; a axilización na acollida destas persoas; a reforma do sistema nacional de acollida, o recto escrupuloso os dereitos humanos na zona sur do Estado (Ceuta e Melilla) así como das outras fronteiras, un incremento nos fondos para a axuda humanitaria e ao desenvolvemento e firme aposta por reforzar a política de integración que aposte pola convivencia e o diálogo intercultural.