Deputación de Lugo

Darío Campos: “sumemos para que o ferrocarril, ese animal de ferro que naceu no S.XIX e está en perigo de extinción, non desapareza”

- O Presidente reclamou “un plan integral provincial de transporte ferroviario; a modernización da rede de vías e andeis, ademais da supresión de pasos a nivel; potenciar o transporte ferroviario de mercadorías e asegurar a conexión co porto seco de Monforte” - “Precisamos que a cidade do Cabe volva a convertese no que por xustiza foi: o punto ferroviario estratéxico de Galicia que nos comunica co resto de España” - O premiado de AMAFER, Miguel Rodríguez Bugarín, subliñou que “as infraestruturas ferroviarias son caras. Pero máis caro é para un país non telas. É preciso modernizar o ferrocarril para garantir o desenvolvemento de Galicia"

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou este luns na entrega do premio "Monforte al Ferrocarril" da Asociación Monfortina Amigos do Ferrocarril.

Trátase da segunda edición deste galardón que, nesta ocasión, recibiu o catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canles da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez Bugarín. "As infraestruturas ferroviarias son caras. Pero máis caro é para un país non telas. É preciso modernizar o ferrocarril para garantir o desenvolvemento de Galicia", subliñou o galardoado.

Campos Conde felicitou, en primeiro lugar, á Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril “por eses 20 anos de intenso traballo”, así como ao gañador Rodríguez Bugarín “polos seus estudos e extensa investigación do ferrocarril”.

“A relación de Monforte de Lemos co ferrocarril comeza aló polo 1883, cando apareceu un grande animal de ferro: o ferrocarril. A cidade do Cabe chegou a convertese, por aquel entón, no punto de comunicación estratéxico de Galicia co resto de España. Nos últimos anos os investimentos fóronse reducindo, recortáronse servizos, liñas... fóronse desbotando, en definitiva, as oportunidades económicas que supuxo o ferrocarril para a provincia de Lugo e, en particular, para a zona Sur e Monforte".

"Sumemos esforzos para conseguir que este animal, hoxe en perigo de extinción, non desapareza. Unámonos para modernizalo e conseguir uns servizos ferroviarios acordes ao século XXI", reclamou.

Reivindicacións
Neste senso, Campos Conde avanzou “como Presidente da Deputación e en defensa dos intereses de todos os veciños da provincia de Lugo, considero necesario reclamar un plan integral provincial de transporte ferroviario; a modernización da rede de vías e andeis, ademais da supresión de pasos a nivel; potenciar o transporte ferroviario de mercadorías e asegurar a conexión co porto seco de Monforte”·

No acto tamén participaron a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, o Secretario de AMAFER; Fermín Avellaneda Vázquez; o Decano do Colexio de Xornalista de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, entre outras personalidades.