Deputación de Lugo

Internos que cursan estudos no Centro de Bonxe coñecen coa Deputación a Reserva de Terras do Miño

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, deulles a benvida e explicoulles a actividade que desenvolve  o “Centro de Interpretación Terras do Miño”

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, recibiu este xoves, a un grupo de internos que cursan estudos e realizan actividades formativas no Centro Formativo para Adultos E.P.A.P.U. de Bonxe e os seus acompañantes. Alí realizaron unha visita a algúns dos lugares emblemáticos da Reserva da Biosfera Terras do Miño, co fin de coñecer o seu paisaxe e a súa importancia ecolóxica e deste xeito concienciarse da importancia do noso entorno.

A deputada deulles a benvida e explicoulles a actividade que desenvolve  o “Centro de Interpretación Terras do Miño”, que está xestionado polo Servizo de Medio Ambiente da Deputación de Lugo.

A visita continuou no enclave coñecido como “Insúas do Miño” situado entre os Concellos de Rábade e Outeiro de Rei. Alí fixeron un pequeno percorrido pola senda coñecida como “Ruta das insúas”, acompañados polos Vixiantes Medioambientais do Servizo de Medio Ambiente e por membros da Asociación Galega de Custodia do Territorio, (no marco do convenio de Custodia asinado con eles), que lles amosaron parte da beleza e importancia ecolóxica deste enclave, que está catalogado como Zona de Especial Protección, polas súas características ecolóxicas e medioambientais.

A xornada deste grupo finalizou cunha visita á Olería de Bonxe, un dos lugares mais salientables da Reserva da Biosfera en materia de artesanía, etnografía e un claro exemplo de boas prácticas para a integración do home no medio de maneira sostible.