Deputación de Lugo

Fernández Queipo presenta o Plan Invernal, composto por 112 operarios, 64 máquinas e máis de 230 toneladas de sal

- O Deputado de Xestión Territorial destacou que a Deputación de Lugo, a diferenza doutras administracións públicas do país, ofrece de xeito totalmente gratuíto asistencia nas estradas, tamén municipais, a todos os Concellos da provincia - Durante o 2015, a institución atendeu preto de 700 incidencias e empregou 1.180 toneladas de sal. Ademais, colaborou con todas as administracións galegas e actuou en vías doutras provincias, como a de León

O Deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, presentou este mércores o Plan Invernal que ten en marcha a institución luguesa para atender as posibles incidencias na rede viaria provincial máis extensa de España, pois conta con máis de 4.200 quilómetros. Fernández Queipo destacou que “co obxectivo de garantir a seguridade nas estradas e o acceso a todos os núcleos de poboación, temos despregados un total de 112 operarios e 64 máquinas, e dispoñemos de máis de 230 toneladas de sal nos 12 saleiros que se sitúan estratexicamente noutros tantos Concellos da provincia”.

A Deputación de Lugo, a diferenza doutras administracións públicas do país, ofrece esta asistencia, de xeito totalmente gratuíto, a todos os Concellos da provincia que o soliciten. De feito, en intensos temporais, o organismo provincial tamén actúa en estradas da provincia de León, pois lindan coas de Lugo. A institución luguesa colabora con todas as administracións galegas nas tarefas de asistencia nas vías de diferente titularidade. Fernández Queipo destacou que “o importante é, en todos os casos, atender aos nosos veciños, preservar a seguridade viaria e evitar, de todos os xeitos, que núcleos de poboación, como ten acontecido na Montaña, se queden incomunicados”.

O Deputado avanzou que durante o 2015 o organismo provincial atendeu preto de 700 incidencias e empregou 1.180 toneladas de sal. Fernández Queipo informou que a rede viaria de Lugo é a máis extensa de España, xa que conta con 4.200 quilómetros de estrada, dos que máis de 1.500 quilómetros están por riba dos 600 metros de altitude e 800 a máis de 800 metros con respecto ao nivel do mar.  “Tendo en conta esta situación, así como a orografía da nosa provincia, é necesario un operativo ben planificado, que responda de xeito rápido e eficaz”.

Zonas de actuación
Este dispositivo atópase distribuído en 8 zonas da rede viaria provincial. Por cada unha delas hai 8 vehículos- 2 máquinas quitaneves; 2 tractores con cuchilla e e esparcedor de sal; 2 todoterrenos e 2 vehículos de apoio con material mecánicos como motoserras- e 14 operarios. Isto significa que, en total, a Deputación ten 64 máquinas e 112 operarios previstos para actuar durante as 24 horas do día en calquera punto da provincia. A parte desta maquinaria, o dispositivo tamén conta con varias máquinas do parque móbil como palas mixtas ou camións, que se engaden ao protocolo de actuación se é preciso.

As zonas de actuación son:

  • Zona 1, con 530 quilómetros de vías, nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
  • Zona 2, con 618 quilómetros, no Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
  • Zona 3, con 668, quilómetros, en Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara, e Baralla.
  • Zona 4, con 680 quilómetros, en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
  • Zona 5, con 332 quilómetros, en Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
  • Zona 6, con 334 quilómetros, en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
  • Zona 7, con 313 quilómetros, en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
  • Zona 8, con 738 quilómetros, en Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

 
Saleiros
O organismo provincial conta con 235 toneladas de sal para os 12 silos, que se encontran en Cervantes, Folgoso do Courel, Becerreá, A Fonsagrada, Ribas do Sil, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Neste ano, hai destinada unha partida de 100.000 euros para a compra de fundentes, que se destinarán, de xeito gratuíto, a todos a calquera dos 67 Concellos da provincia que o necesiten.