Deputación de Lugo

13 Deputados votan en contra das reivindicacións da mesa intersindical dos bombeiros de Galicia

Imaxe deputación de lugo
- Dita proposta supón un paso máis cara a consecución dunha xestión directa que converta aos profesionais dos parques de bombeiros comarcais en empregados públicos, cos mesmos dereitos e deberes que os seus compañeiros dos parques municipais - A proposta do goberno, que recollía as necesidades dos profesionais de emerxencias de Galicia, buscaba homoxeneizar as condicións laborais e mellorar o servizo prestado

13 Deputados provinciais votaron este martes en contra das reivindicacións da Mesa Intersindical dos Bombeiros de Galicia, que reclaman a homoxeneización das súas condicións laborais e a mellora do servizo prestado á cidadanía a través dunha xestión pública directa.

A proposta que o equipo de Goberno levou ao Pleno recollía as peticións dos profesionais de emerxencias, cos que se reuniu esta semana o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde. Os bombeiros de Lugo agradeceron ao Goberno Provincial que atendera e recollera as súas demandas mediante esta iniciativa.

O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, explicou que “os bombeiros galegos non demandan subidas salariais senón a homoxeneización da profesión, xa que o colectivo está sometido aos vaivéns laborais e operativos das empresas privadas concesionarias, sen un texto legal no que se regule o seu traballo e que resulta fundamental non só para clarificar aspectos referidos aos dereitos e deberes que como traballadores, senón que, cunha normativa e regulación clara quedarían definidos aspectos como a coordinación entre parques, as capacidades operativas propias, o modelo de resposta ante incidentes de diferente índole...”.

A proposta do Goberno presentada incluía: instaurar o modelo de xestión directa nos Consorcios de Bombeiros de Galicia, instar á Xunta a crear o Corpo de Bombeiros de Galicia, no que se integren, como traballadores públicos, cando menos, os profesionais que presten o seu servizo nos diferentes parques comarcais e solicitar a elaboración urxente do  Regulamento do Bombeiro Profesional recollido na Lei de Emerxencias de Galicia (5/2007).

Dita proposta supón un paso máis cara a consecución dunha xestión directa que converta aos profesionais dos parques de bombeiros comarcais en empregados públicos, cos mesmos dereitos e deberes que os seus compañeiros dos parques municipais. Tal como lembrou Santos Ramos, “a Mesa Intersindical dos Bombeiros de Galicia vén denunciando reiteradamente o incumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia na que se establecía a creación dun Regulamento do bombeiro profesional, regulamento que nunca quixo impulsar o Goberno do Sr. Feijoó”.

Recentemente, e por primeira vez desde que foron creados, a Xunta aceptou estudar un cambio no modelo dos parques comarcais de bombeiros trala proposta realizada a pasada semana polos Presidentes das Deputacións de A Coruña, Pontevedra e Lugo ao Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O Goberno provincial de Lugo, que traballa na elaboración dun informe técnico e xurídico que avalíe esta opción, mantén mediante esta proposta a súa firme vontade de camiñar cara un modelo de xestión directa que garanta a calidade do servizo e os dereitos dos traballadores e termine coa xestión privada dos 24 parques comarcais que hai na actualidade en Galicia, dos que seis están en Lugo.

Ademais, a Deputación de Lugo asume o seu compromiso de seguir asumindo o 50% do financiamento do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, ao que serán imputables os custes de persoal dos bombeiros que presten servizo no mesmo, en caso de materializarse a reivindicación de que sexan empregados públicos da Administración Autonómica.