Deputación de Lugo

As Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra propoñen á Xunta estudar a xestión directa dos parques de bombeiros

Campos, Gonzalez e Silva acordaron con Rueda elaborar dende as administracións informes sobre os custos e a situación do persoal para avaliar con datos obxectivos a posibilidade de cambiar o modelo de xestión das instalacións contra incendiosOs Presidentes das Deputacións luguesa, coruña e pontevedra trasladaron ao Vicepresidente da Xunta a necesidade de ampliar o mapa de emerxencias de Galicia para dar cobertura ao 100% do territorio  

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, o Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, propuxeron este martes á Xunta de Galicia estudar a xestión directa dos parques de bombeiros e ampliar o mapa de emerxencias para acadar o 100% da cobertura. Fixérono nun encontro co Vicepresidente, Alfonso Rueda, no que tamén participou o Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Os Presidentes das Deputacións luguesa, coruñesa e pontevedresa defenderon a necesidade de elaborar informes sobre os custos e a situación do persoal dos parques de bombeiros para, en base a ditos estudos, avaliar con datos obxectivos a posibilidade de cambiar o modelo de xestión actual dos parques dos Consorcios Provinciais de bombeiros. “Como socialistas, é a nosa responsabilidade estudar, tanto dende o punto de visto xurídico como económico, se é viable recuperar o modelo de xestión pública das instalacións contraincendios”, destacou González Formoso.

Como voceira dos tres titulares provinciais, Carmela Silva explicou que “os tres Presidentes socialistas expuxemos ao Vicepresidente da Xunta a necesidade de que se analice, con seriedade e en profundidade, a xestión directa dos parques de bombeiros dos Consorcios Provinciais, xestionados por Deputacións e Xunta, pois nós defendemos os servizos públicos”.

“Consideramos que todo o que ten que ver co Consorcio de Incendios e de Salvamento é unha cuestión de interese xeral, así como un servizo público básico. Así mesmo, defendemos que a xestión directa é a máis axeitada. É certo que nos atopamos nunha situación na que se está prestando ese servizo a través da xestión indirecta e, aínda que todos valoramos que é positivo, tamén cremos que é mellorable. O propio Vicepresidente asumíu que o funcionamento podía ser mellor”, salientou Silva.

Neste senso, González e Campos salientaron que “os socialistas defendemos que a xestión directa é a máis axeitada para os servizos públicos desta entidade. O Vicepresidente da Xunta espuxo que non se nega á posibilidade da xestión directa, que é o que nós lle propuxemos, sempre que o seu custo non fose superior ao da xestión indirecta. Por iso, lle trasladamos a necesidade de que todas as administracións fagamos uns estudos detallados, non só sobre o prezo, senón tamén sobre o que isto significaría para o persoal que traballa nos parques de bombeiros”.

Estudos xurídicos e económicos
Deste xeito, tal e como propuxeron os 3 Presidentes, cada unha das administracións implicadas (as 4 Deputacións e a Xunta de Galicia) acordaron a realización de informes xurídicos e económicos para avaliar, “con seriedade e rigor, pois é fundamental á hora de tomar unha decisión final, a nosa proposta de cambio de modelo na xestión dos parques de bombeiros na defensa do público”, remarcaron. No prazo aproximado dun mes, haberá unha nova reunión para pór en común os primeiros estudos.

Ampliación do mapa de emerxencias
Silva, González e Campos tamén expuxeron a Rueda a necesidade de que se peche o mapa de emerxencias de Galicia, xa que, sobre todo nalgunhas zonas rurais e de montaña, así como en pequenos Concellos, aínda non está pechado, hai reclamacións para sumarse e zonas sen cobertura. Por exemplo, o Grove non forma parte dos GES, pois ten un convenio propio, e quere adherirse aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal; e Ponteareas tamén ten un servizo de incendios propio e solicitou integrarse no Consorcio. Neste senso, Campos Conde apuntou a situación da Montaña luguesa, onde 9 Concellos non están cubertos polo servizo provincial de bombeiros. “É unha débeda cos veciños desta zona que temos a obriga de saldar”, remarcou.  

“O Vicepresidente mostrouse sensible a esta petición que expuxemos. Polo tanto, unha vez que academos unha decisión sobre a xestión dos parques de bombeiros, poñerémonos a traballar para pechar o mapa de emerxencias e que a totalidade da poboación teña a máxima seguridade”, afirmou Silva.